Skip to main content

Apertura do Congreso ‘Symmetry and shape’, en homenaxe a Eduardo García Río

09.23.2024 | 09.30h

Santiago de Compostela

Homenaxea o profesor Eduardo García Río no seu 60 aniversario e asistirán especialistas no ámbito da xeometría diferencial procedentes de países como Alemaña, Italia, Bélxica, México, Reino Unido ou Australia

Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite

A forma e a simetría dos espazos desde a perspectiva da xeometría riemanniana, a análise xeométrica e a física matemática son algúns dos temas que se abordarán no congreso Symmetry and shape – Celebrating the 60th birthday of Prof. Eduardo García Río na Facultade de Matemáticas. O obxectivo deste congreso, que terá lugar do 23 ao 27 de setembro, é reunir persoas expertas de todo o mundo no ámbito da xeometría diferencial, procedentes de países como Alemaña, Italia, Bélxica, México, Reino Unido ou Australia. O acto de apertura será o luns 23 ás 9.30 horas

Esta cita científica contará con 13 conferencias invitadas, outras 18 comunicacións orais e unha sesión homenaxe o xoves pola tarde. Pódese encontrar toda a información relativa ao evento na web.

Simetría e forma
De acordo co matemático alemán Felix Klein, a xeometría é o estudo das propiedades dun espazo que son invariantes baixo certo tipo de transformacións. O concepto de simetría ten por tanto que ver con esas propiedades invariantes ou, noutras palabras, co feito de que a forma dun obxecto ou espazo non cambia baixo certas transformacións. A forma, por outra banda, ten que ver coas medidas, dimensións e curvatura dun obxecto ou espazo, polo que o seu estudo se enmarca do xeito máis natural posible no eido da xeometría. A interacción entre simetría e curvatura constitúe unha área de investigación dunha longa traxectoria no departamento de Matemáticas da USC e que continúa na actualidade xerando coñecemento matemático de gran valor.

É precisamente neste campo da xeometría onde Eduardo García Río desenvolveu boa parte da súa labor investigadora. García Río obtivo o seu doutoramento en 1992 pola Universidade de Santiago de Compostela, universidade na que é profesor titular desde 1994, e catedrático desde 2010. Foi profesor visitante nas universidades de Cornell (Estados Unidos) e Kyoto (Xapón). É autor de máis de 130 artigos en recoñecidas revistas de matemáticas e física matemática, así como de 7 monografías. Ten máis de 40 coautores e dirixiu 12 teses de doutoramento.

Os seus traballos no campo da xeometría semi-riemanniana abriron importantes liñas de investigación, habitualmente coa curvatura como pano de fondo, e constitúen referencias básicas nesta área. Na súa traxectoria investigadora son salientables as súas achegas para a resolución da conxectura de Osserman, os seus estudos sobre distintas xeralizacións das variedades Einstein, combinando técnicas alxébricas con outras propias da xeometría riemanniana e a análise xeometrica, ou os seus traballos en variedades con distintos tipos de estruturas complexas.

Ademais, é editor de dúas destacadas revistas de matemáticas, o Journal of Geometric Analysis e Differential Geometry and its Applications, e foi membro do panel de Matemáticas da Axencia Estatal de Investigación durante catro anos. Desde 2023, é Académico Numerario da Real Academia Galega de Ciencias.
 

The contents of this page were updated on 09.23.2024.