Skip to main content

Entrega do Premio Luís Porteiro Garea a Marilar Jiménez-Aleixandre

09.26.2024 | 12.00h

Santiago de Compostela
Salón Nobre

Publicou en 1996 o primeiro libro de didáctica das ciencias para a universidade, ‘Dubidar para aprender’ e impartiu docencia en galego nas materias das que se fixo cargo

Marilar Jiménez-Aleixandre. FOTO: Santi Alvite
Marilar Jiménez-Aleixandre. FOTO: Santi Alvite

O reitor Antonio López preside este xoves 26 de setembro ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o acto de entrega da VII edición do Premio Luís Porteiro Garea a Marilar Jiménez-Aleixandre polo seu compromiso coa lingua galega no ensino das ciencias. Na cerimonia, á que tamén asiste o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, fará a loa da premiada a vicedecana da Facultade de Ciencias da Educación, María López Sández.

A catedrática da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais e dende 2017 profesora ad Honorem da Facultade de Ciencias da Educación da USC foi galardoada co Premio Luís Porteiro Garea na súa sétima edición, pois o xurado valorou o seu compromiso e a súa defensa da lingua galega no ensino das disciplinas científicas, “do que ela se erixe como símbolo na nosa universidade xa que foi pioneira no ensino das ciencias en galego na Educación Secundaria e na elaboración de materias didácticos dende o ano 1976”.

Destacou ademais o xurado o seu exercicio como docente na área de Didáctica das Ciencias Experimentais durante máis de vinte anos “nos que conxugou dun xeito inusual a forte dimensión humanística coa científica”. “Recoñecida e premiada en todas as súas facetas, o seu compromiso co galego cohesiona transversalmente a súa dedicación”, reza o ditame do xurado do Premio, que busca recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade.

The contents of this page were updated on 09.26.2024.