Organízao o Grupo de Estudos Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC

O simposio internacional LEXCAV desenvólvese o martes 8 e o mércores 9 de outubro no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. Nel valorarase o impacto sobre o sector audiovisual da Lei 13/2022, do 7 de xullo, Xeral de Comunicación Audiovisual, como transposición da lexislación europea. A apertura será ás 10.00 horas pola decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez, e a catedrática emérita de Comunicación da USC Margarita Ledo.
Este encontro configúrase como un espazo crítico de debate arredor dos marcos produtivos audiovisuais europeos con linguas cooficiais, da man daquelas figuras relevantes que, xa sexa desde o ámbito da lexislación, a produción, a distribución ou os estudos académicos, propoñen alternativas para a consecución dunha sociedade lingüisticamente diversa e dixitalmente inclusiva.
As temáticas a tratar abranguerán, entre outras, a exclusión mediática da produción audiovisual realizada en linguas cooficiais (VO), o seu potencial inclusivo como ferramenta de acceso (VD, VOS, audiodescrición…) a contidos audiovisuais en linguas estranxeiras, o impacto da normativa europea e da Lei 13/2022 na produción audiovisual independente, a cota feminina nos equipos técnicos e creativos, etc. Incorpórase, ademais, a participación e transferencia de coñecemento á cidadanía, de cara ao seu empoderamento no audiovisual como un dos sectores máis relevantes na construción do seu patrimonio cultural inmaterial.