A mostra sobre o primeiro científico galego en alcanzar unha dimensión internacional cos seus traballos poderase ver posteriormente noutras localidades

A exposición 'José Rodríguez. O matemático de Bermés’ pode verse desde este luns na Igrexa da Universidade ata o 12 de novembro, antes de iniciar un percorrido por outros puntos da xeografía galega e española.
A mostra chega coincidindo co 200 aniversario do pasamento de José Rodríguez (Bermés, Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824), polo que a RAGC elixiu o matemático como Científico Galego de 2024 e coa finalidade de divulgar a súa figura estanse a realizar unha serie de actividades ao longo deste ano.
José Rodríguez foi o primeiro científico galego en alcanzar unha dimensión internacional. Ademais de matemático, interesouse pola xeodesia, a astronomía, a cristalografía e a mineraloxía. Nesta exposición, que abrangue unha visión moi completa deste persoeiro -recollendo tanto o seu papel en diversos ámbitos da ciencia como o seu perfil de político liberal, inquieto e modernizador-, pódese albiscar a súa enorme relevancia.
Podes ver a exposición en horario de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas e domingos de 11.00 a 14.00 horas. Abrirá tamén os festivos do sábado 12 de outubro e do venres 1 de novembro en horario de 11.00 a 14.00 e 17.00 a 20.00 horas.