Skip to main content

Mesa redonda 'Capitalismo, arte e tecnoloxía na era da revolución molecular'

10.14.2024 | 18.00h
Facultade de Filosofía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Filosofía. FOTO: Santi Alvite

'Capitalismo, arte e tecnoloxía na era da revolución molecular' é o lema da mesa redonda que terá lugar o luns 14 de outubro a partir das 18.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Nela intervirán o filósofo Gerald Raunig (Hochschule der Künste, Zúric, Suíza), a politóloga Isabell Lorey (Kunsthochschule für Medien, Colonia, Alemaña) e Kike España (tradutor da obra de Raunig ao español).

A mesa redonda será moderada polo decano de Filosofía da USC, Xavier de Donato. Esta é unha actividade da Facultade de Filosofía en conxunto co Instituto de Humanidades da USC (iHUS) na que colabora o grupo de investigación Discurso e identidade. A asistencia é aberta a todos os públicos e a entrada é libre ata completar a capacidade do espazo.

Gerald Raunig vive e traballa en Zúric na Hochschule der Künste e tamén no Instituto Europeo de Políticas Culturais Progresivas de Viena. É coeditor da revista Kulturrisse. Zeitschrift für radikaldemokratische Kulturpolitik e investiga a relación entre a produción de arte e a produción do coñecemento no contexto do capitalismo cognitivo. É autor dos libros: Capitalismo maquínico y revolución molecular (2 vols.) e Arte y revolución. Activismo artístico en el largo siglo XX (ambos os dous en alemán, traducidos ao castelán e ao inglés).

Pola súa parte, Isabell Lorey é profesora da Kunsthochschule für Medien de Colonia. Foi profesora da Universidade de Kassel e impartiu clases de feminismo, teoría política e poscolonial nas universidades de Basilea, Berlín e Viena. Membro do European Institute for Progressive Cultural Policies, publicou sobre precariedade, movementos sociais e democracia en distintas revistas internacionais. Recentemente foi traducido ao castelán o seu último traballo: Estado de inseguridad. Gobernar la precariedad (Traficantes de Sueños, 2016), prologado por Judith Butler. Kike España é tradutor da obra de Gerald Raunig ao castelán nas editoriais Cactus e Traficantes de sueños.

Cartel que anuncia a mesa redonda
Cartel que anuncia a mesa redonda
The contents of this page were updated on 10.14.2024.