Skip to main content

Xornada 'José Rodríguez. O inicio da liña do tempo da ciencia en Galicia'

10.16.2024 | 16.30h

Santiago de Compostela

Relevo coa imaxe de José Rodríguez González no Paraninfo da USC
Relevo coa imaxe de José Rodríguez González no Paraninfo da USC

Dar a coñecer unha vida real e de novela, a de José Rodríguez González, o matemático de Bermés (1770-1824), é o obxectivo da xornada  'José Rodríguez. O inicio da liña do tempo da ciencia en Galicia' que organiza o Consello da Cultura Galega este mércores 16 de outubro a partir das 16.30 horas na Igrexa da Universidade. O evento forma parte das actividades dedicadas a quen foi nomeado científico galego do ano 2024 pola Real Academia Galega de Ciencias.

Na xornada participan Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Elena Vázquez Cendón, Margarita Barral, Gonzalo Navaza, José Ángel Docobo, Xabi P. Couto e M. Carmen Villanueva, relatoras e relatores que situarán o contexto histórico e político no que viviu Rodríguez, ademais de compartir a mirada da súa obra desde as matemáticas e a astronomía, coincidindo co bicentenario do seu pasamento, ocorrido en Santiago de Compostela o 30 de setembro de 1824.

No Consello da Cultura Galega o matemático forma parte do 'Álbum de Galicia' e do 'Álbum da Ciencia: 30 nomes e as súas achegas', no que principia a liña do tempo, como un referente de científico comprometido co rigor, coa contorna, coa aplicación do coñecemento e coa internacionalización. El demostrou unha fonda implicación cos seus ideais e os seus obxectivos como profesional e cidadán, poñendo luz tanto nas matemáticas e as súas aplicacións como na política. Por iso aparece citado en novelas de aventuras como referente real e segue a ser fonte de inspiración de novelas científicas actuais, como se poñerá de manifesto na xornada.

Ao finalizar a xornada realizarase unha visita á exposición sobre a figura do matemático que se pode ver na Igrexa da Universidade. As prazas son limitadas e é necesaria confirmación da solicitude de inscrición.

The contents of this page were updated on 10.09.2024.