Skip to main content

Hackathon USC Emprende

10.25.2024-10.26.2024

Evento dirixido a persoas creativas con gañas de dar resposta a retos para a sociedade

Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. FOTO: Santi Alvite

Pensar e deseñar proxectos innovadores para Galicia mediante unha dinámica de traballo colaborativo é o obxectivo do Hackathon USC Emprende, un evento creativo organizado pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, que terá lugar os días 25 e 26 de outubro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e para o que xa está aberto o prazo de inscrición.

As persoas participantes no hackathon tratarán de dar resposta a posibles retos como o despoboamento rural, a mobilidade para a xuventude ou o cambio climático, a través de solucións en forma de prototipo acabado para un produto, servizo ou modelo de negocio innovador. Cada persoa interesada en participar no evento pode asistir cun equipo creado por un máximo de cinco integrantes ou ben tomar parte nun dos equipos que se configuren coas persoas que asistan. A organización recomenda levar un portátil para empregar como ferramenta de traballo, aínda que non é imprescindible.

No evento, as persoas participantes, que deben cumprir o único requisito de ser maiores de idade e menores de 35 anos, traballarán agrupadas en equipos que terán que presentar os seus proxectos, contando para iso coa orientación de persoas expertas que guiarán como mentoras a cada equipo, sempre baixo o enfoque de explorar e desenvolver ideas innovadoras na procura dun futuro máis sostible. Coas súas intervencións poderán gañar premios pola creatividade e pola calidade dos seus proxectos. A información completa pode atoparse na web do evento: https://hackathonuscemprende.com.
 

Cartel do hackathon
Cartel do hackathon
The contents of this page were updated on 10.25.2024.