Caracterízase, segundo a spin-off da USC i-Grape, polo seu alto contido en compostos bioactivos e polas súas propiedades naturais antimicrobianas e antioxidantes

A empresa i-Grape Laboratory, unha spin-off derivada da Universidade de Santiago de Compostela, presenta este venres 18 de outubro un novo produto: o Galgrape, un penso complementario líquido para alimentación animal formulado a partir de extracto natural de bagazo de uva da variedade albariño.
O evento desenvolverase a partir das 12.00 horas na Facultade de Química e presidirao a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, quen estará acompañada pola técnica da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC Susana Torrente, e o delegado de Transferencia do Coñecemento, Luis Otero. Por parte da empresa intervirán a directora científica, Marta Lores, e o director executivo, Juan Verdes, tras os cales falará a veterinaria da empresa Avícola Rivadulla S.L., Raquel García.
Galgrape, segundo indica a empresa, “é un penso complementario que se caracteriza polo seu alto contido en compostos bioactivos, entre os que destacan os polifenois polas súas propiedades naturais antimicrobianas e antioxidantes”. Materializouse “a partir dos resultados do proxecto europeo NeoGiANT H2020 project, que segue en desenvolvemento para obter outras aplicacións dos nosos extractos”.
Este penso, sinalan desde a spin-off, “destaca polo benestar observado nos grupos de animais aos cales se lle administra, reducindo e mesmo eliminando a necesidade do uso sistemático de antibióticos” e “demostrou ser efectivo tamén en situacións de estrés ou cando se presentan dificultades no desenvolvemento”.