O día 30 remata a matrícula nos cursos intensivos de idiomas do CLM que se desenvolverán en xullo
O Centro de Linguas Modernas da Universidade Santiago mantén aberto ata o día 30 de xuño o prazo de matrícula nos cursos intensivos de verán que se van desenvolver en xullo.
Nese mes ofértanse cursos en alemán, árabe, catalán, checo, chinés, eslovaco, éuscaro, francés, galego para non galegofalantes, grego moderno, húngaro, inglés, italiano, lingua de signos, lituano, polaco, portugués, ruso, sueco e xaponés.
As persoas inscritas nun curso de verán recibirán, sempre que asisten ao 80% das horas lectivas, un diploma acreditativo da súa participación e acreditativo do nivel, ademais do recoñecemento a efectos de créditos ECTS para o estudantado de ata dous créditos polos cursos de máis de 25 horas (no caso dos de menos carga docente, o recoñecemento será por un crédito).
Esta é unha oferta dirixida tanto ao alumnado que vai participar en programas de mobilidade internacional o próximo curso, como a PAS e PDI e a outras persoas alleas á USC maiores de 16 anos, especialmente alumnado de bacharelato, profesionais e todas as persoas con interese en ampliar a súa formación en linguas estranxeiras ou cooficiais en España e nas distintas culturas.
En todos os cursos de linguas modernas, máis que contidos gramaticais preténdese ofrecer técnicas e práctica de destrezas, estratexias de comunicación, así como contidos específicos e funcionais útiles nas estadías no estranxeiro.