Skip to main content

O libro Ars pediátrica compostelana y vasco-navarra, percorrido pola medicina pediátrica e a sociedade do século XX da man de Augusto Borderas

A imprenta universitaria acaba de finalizar a produción de Ars pediátrica compostelana y vasco-navarra, libro de Augusto Borderas Gaztambide que a partir da testemuña persoal do autor fai “un percorrido vital pola medicina pediátrica e a sociedade do século XX (1955-2016)”, tal e como recolle como subtítulo a obra de cuxa edición foi responsable José María Fraga Bermúdez.

Dedicado aos profesores Manuel Suárez Perdiguero e José Peña Guitián, as 221 páxinas do volume recollen “as sucintas memorias das traxectoria vital dun home comprometido, participativo e activo coa sociedade, á que serviu e segue servendo dende o club dos octoxenarios”, como explica o profesor Fraga no prólogo. O autor formouse no profesional na Escola de Pediatría do profesor Manuel Suárez Perdiguero na Facultade de Medicina da USC a finais dos anos 50 do pasado século. Aínda que despois exercería toda a súa vida profesional no País Vasco sempre mantivo lazos persoais, pediátricos e sociais con Galicia, de cuxa Sociedade de Pediatría formou parte con número 79 dos seus socios no ano 1957.

En palabras dos prologuistas do libro, José Mª Fraga e José Ramón Fernández Lorenzo, o autor “ refire, sucintamente, algúns momentos puntuais da súa longa e prolífica traxectoria. Descríbeos con trazos simples, amenos, naturais e ata desapaixonados. Son trazos da visión dunha testemuña que está, se para, se activa e prosegue. Son lembranzas do que ten aprehendido, traéndoo á memoria e transcribíndoo”. Aínda que “a percepción conleva a interpretación subxectiva do feito vivido”, explican os prologuistas, “Augusto evoca os recordos sen nostalxia, sabe de onde veu, sabe a onde foi e sabe onde está”.

O libro complétase con algúns escritos e testos do autor que “soportan e complementan as memorias e que tamén reflicten situacións sociais dos momentos referidos nestas que contextualizan e, se cabe, dan unha maior claridade ao feito vivido e rememorizado”.

The contents of this page were updated on 06.26.2017.