Skip to main content

Proceso de renovación de estatutos

A Universidade de Santiago de Compostela, en cumprimento da Disposición Transitoria primeira da LOSU, LO 2/2023, inicia o proceso de renovación estatutaria que deberá rematar coa aprobación por parte do Claustro universitario dos novos estatutos no ano 2025 e a súa posterior publicación no DOG 

A Disposición Transitoria primeira da LOSU, LO, 2/2023 dispón:

1.    Las universidades públicas tendrán un plazo máximo de tres años, a contar desde la entrada en vigor de esta ley orgánica, para aprobar los nuevos Estatutos y constituir el nuevo Claustro y Consejo de Gobierno, de acuerdo con los preceptos de esta ley orgánica. 

Este marco lexislativo sitúa en abril de 2026 a data límite para a aprobación dos novos Estatutos adaptados á LOSU. Neste contexto, e de acordo co procedemento previsto nos Estatutos vixentes, ponse en marcha o procedemento para a aprobación dos novos Estatutos coas seguintes fases e cronograma:

  • Presentación dun borrador á comunidade universitaria que supón a apertura dun período de información pública sobre o mesmo. Este período irá dende o venres 25 de outubro ata o venres 15 de novembro ás 14 horas.
  • Unha vez remate o período de información pública, chegará o momento de analizar as propostas achegadas pola comunidade universitaria e aprobar un anteproxecto de reforma dos Estatutos polo Consello de Goberno.
  • Cando o Consello de Goberno aprobe o anteproxecto será momento de remitir o documento ao Claustro para:
    • Debate e emenda na Comisión de Desenvolvemento Estatutario, e posterior aprobación do proxecto de reforma.
    • Debate, emendas e aprobación do proxecto polo Claustro universitario.
  • Control de legalidade por parte da Xunta de Galicia.
  • Publicación no DOG do texto aprobado como Decreto, que deberá producirse antes do remate do curso 2024/2025. 

Neste contexto, sométese a información pública de toda a comunidade universitaria este borrador de Estatutos que se elabora tomando como base os seguintes criterios:

  1. Consideramos que os Estatutos deben conter o réxime básico da Universidade, pero debese limitar o seu contido ao necesario para evitar caer nunha conxelación de rango que dificulta posteriores modificacións. 
  2. Empregáronse como base os Estatutos vixentes, aínda que coas adaptacións tanto de orde sistemático como as modificacións impostas polo novo marco normativo, particularmente a LOSU.
  3. Preséntanse intencionadamente abertas cuestións que se considera que deben ser debatidas e decididas polo Claustro, como son as seguintes:
  • Existencia ou non de Departamentos. Atendendo á estrutura propia da nosa Universidade, e dado que a LOSU deixa ás Universidades capacidade para decidir sobre as estruturas que a integran, débese debater sobre a permanencia dos Departamentos e decidir sobre dúas alternativas:
    • Supresión dos Departamentos atribuíndo as súas funcións sobre organización docente e peticións de prazas de profesorado ás áreas de coñecemento, onde de facto viñan xa tomándose estas decisións.
    • Mantemento da situación actual con presenza dos Departamentos.

      O texto que se somete a información recolle unha proposta de regulación das áreas de coñecemento na primeira liña de supresión dos Departamentos. A alternativa sería a incorporación dos Departamentos cunha regulación similar á actualmente vixente.

  • Determinación da participación dos distintos sectores da comunidade universitaria nos distintos órganos de goberno. O peso que deben ter o distintos sectores da comunidade universitaria, tanto na conformación de órganos de goberno como na ponderación para a elección de Reitor ou Reitora, déixase aberto xa que deben discutirse tanto na Comisión correspondente como no Claustro á vista dos datos de cada sector. 

Todas as persoas que son membros da comunidade universitaria poden realizar achegas no proceso de renovacióne estatutaria. Sobre o borrador elaborado, ao que se pode acceder na parte inferior desta páxina, pódense enviar propostas ata o día 15 de novembro ás 14 horas a través deste formulario.

The contents of this page were updated on 10.25.2024.