Skip to main content

Xornadas ‘Resistencia feminista ao colapso’

11.12.2024 | 09.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

Céntranse nesta edición no feminismo ecolóxico e abordan cuestións coma o debate entre bioloxía e cultura ou o activismo fronte ás violencias contra a natureza

Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite

As xornadas anuais do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de estudos de Xénero (CIFEX) da USC levan por título ‘Resistencia feminista ao colapso’ e céntranse nesta edición no feminismo ecolóxico. Desenvolveranse o martes 12 e o mércores 13 de novembro no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía. Esta é unha actividade que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

A inauguración será o martes 12 a partir das 9.00 horas e a primeira conferencia é a de Irene Zugasti, politóloga e xornalista que formou parte do equipo do Ministerio de igualdade na anterior lexislatura, que será presentada pola directora do CIFEX, Teresa Moure. Completa o programa da mañá o debate ‘Por que as ciencias se volveron contra a natureza?’, coa participación de Encina Calvo, investigadora en Física, e Irene Visos, investigadora en Biomedicina, e a moderación de Begoña Gómez, do CIFEX. Pola tarde falará Lina Coelho, economista da Universidade de Coimbra, arredor da economía feminista fronte ao colapso, e a performer e artista visual Ana Gesto presentará a intervención ‘Resistencias’.

Na xornada do mércores Manuela Palacios, da USC, presenta o filósofo Brais Arribas, quen ofrece a charla ‘O debate bioloxía/cultura en tempos de cyborgs e IAs: unha revisión desde os estudos de xénero’. A continuación Ana Gesto e Teresa Moure debaterán co público baixo o lema ‘A pensarmos en colectivo’.

Finalizan as xornadas coa mesa de debate ‘Activismo feminista fronte ás violencias contra a natureza’, moderada por Enrique Latorre do CIFEX e coa participación da antropóloga Guadalupe Jiménez e da pedagoga Milena Villar.
 

The contents of this page were updated on 11.11.2024.