Salón de Actos
No ciclo CineFilo

O ciclo CineFilo chega o día 19 de novembro á súa cuarta sesión coa proxección do filme 'To Kill a Mockingbird', dirixido por Robert Mulligan. Será ás 17.00 horas no salón de Actos da Facultade de Filoloxía e contará coa intervención do profesor Claudio Rodríguez fer.
A exitosa novela iniciática To Kill a Mockingbird (1960), da escritora estadounidense Harper Lee, contada dende a perspectiva dunha nena, foi canonizada axiña como habitual lectura escolar nos Estados Unidos e adaptada ao cine con non menos éxito en 1962. Tanto a novela como o filme causaron tal impacto antirracista que deron un gran impulso ao entón emerxente movemento polos dereitos civís nos Estados Unidos, contribuíndo decisivamente á fin da segregación dos afroamericanos.
A influencia concienzadora do libro e aínda máis do filme no século XX pode compararse coa exercida pola novela Uncle Tom's Cabin, da antiescravista Harriet Beecher Stowe, no século XIX. O sempre progresista e humanista actor Gregory Peck identificouse plenamente co íntegro avogado antirracista Atticus Finch, protagonista da película, pois en realidade este personaxe lle deu a oportunidade de interpretarse a si mesmo, polo que foi recompensado cun Óscar e con numerosos recoñecementos. O título fai referencia a que non se debe matar ou maltratar aquilo que é inocente, como o sinsonte, o paxaro cantor americano aludido, equivalente ao reiseñor europeo.