Skip to main content

Presentación do libro 'Los ojos de los árboles', de María do Cebreiro

11.16.2024 | 10.30h

Santiago de Compostela
A actividade comeza no Antigo Hotel Suízo (Rúa Cardeal Payá-Praza de Mazarelos) e remata no MHN

Foi froito dunha bolsa Leonardo da Fundación BBVA

Exemplares do volume
Exemplares do volume

Este sábado 16 de novembro, baixo o auspicio da cooperativa NUMAX e do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, verá a luz o álbum ilustrado Los ojos de los árboles, da poeta e profesora da USC María do Cebreiro Rábade, froito dunha bolsa Leonardo da Fundación BBVA. A presentación será un acto singular que procura xogar cos dispositivos da acción pictórica, da lectura de poemas e do paseo pola natureza, e que procura acoller unha audiencia o máis diversa posible, cunha chamada especial ao público infantil. 

A hora de comezo será as 10.30 da mañá e o punto de encontro, o antigo Hotel Suízo (Rúa Cardenal Payá-Praza de Mazarelos) unha das sedes da cooperativa NUMAX, responsable da produción editorial do libro, e cuxa historia e situación, moi preto da única porta da muralla de Santiago que queda en pé, testemuña a capacidade da cidade para acoller persoas tan comprometidas coa súa vocación como o escritor Ernest Hemingway, a fotógrafa Ruth Mathilda Anderson ou o pedagogo Francisco Giner de los Ríos. Ao abeiro desta ampla tradición de acollida cultural, os artistas contemporáneos Cristina Lucas e Fernando Sánchez Castillo, ambos cunha ampla e recoñecida traxectoria internacional, desenvolverán unha acción pictórica, como resultado da cal intervirán dous exemplares da obra Los ojos de los árboles, ilustrando cadansúa especie botánica (unha oliveira e un granado, respectivamente). 

Tras unha breve presentación do proxecto repartiranse gratuitamente 30 exemplares do libro, acompañados de cadanseu set de carbonciños. A particularidade deses exemplares, fronte á tiraxe máis extensa, é o seu carácter artesanal, pois todos eles conteñen unha folla prensada na cuberta, en alusión ao xénero botánico do herbario, e mais un caderno de campo, situado nas páxinas finais do libro, no que cadaquén poderá tomar as súas notas, debuxar ou simplemente gozar do seu espazo en branco. A seguir, as persoas asistentes serán convidadas a un paseo literario no espazo comprendido entre a Alameda e Vista Alegre, pasando polo Parque de Galeras, cunha última parada no Museo de Historia Natural da USC, onde Cristina Lucas e Fernando Sánchez Castillo executarían a súa obra, provistos asemade de carbonciño vexetal.

A escolla do material débese ás recentes investigacións de Lucas nos materiais pictóricos. A conexión do carbonciño coa vida arbórea e, máis en xeral, coa vida sobre a terra, faino o material máis axeitado para esta acción. Por suxestión de Sánchez Castillo, as persoas asistentes, público infantil incluído, serán asemade convidadas a recolleren durante o paseo calquera vestixio natural (follas de árbores, garabullos…) que queiran incluír nos seus cadernos de campo e/ou pintaren despois do natural no espazo do Museo.

The contents of this page were updated on 11.15.2024.