Skip to main content

Semana da Ciencia do IFGAE

Conferencia de Jean Iliopoulos: '50 anos que cambiaron a física fundamental: de moitos modelos a unha teoría'

11.27.2024 | 20.00h

Auditorio Abanca

Jean Iliopoulos. Foto: CNRS Photothèque - Julien Quideau
Jean Iliopoulos. Foto: CNRS Photothèque - Julien Quideau

O físico greco-francés Jean Iliopoulos é unha das figuras clave na consolidación do Modelo Estándar da física de partículas. Un dos tres autores (xunto ao premio Nobel de Física Sheldon Glashow e Luciano Maiani) do mecanismo GIM, a proposta teórica que en 1970 postulou a existencia do quark encantado, visita Santiago de Compostela co gallo da Semana da Ciencia do IGFAE. Iliopoulos amosará na charla as claves da súa contribución, desde a perspectiva teórica, para o descubrimento dun novo tipo de quark, o ‘charm’ (ou encantado), que supuxo un cambio radical na percepción da estrutura fundamental da materia e impulsou unha nova visión sobre as forzas fundamentais da natureza. A conferencia, con entrada libre ata completar capacidade, será en inglés, e contará cun servizo de tradución simultánea ao castelán para o público asistente.

Baixo o título 50 anos que cambiaron a física fundamental: de moitos modelos a unha teoría, o físico fará un percorrido por uns anos vertixinosos e moi prolíficos na historia da física. En 1970, Iliopoulos, xunto a Luciano Maiani (posteriormente director xeral do CERN) e Sheldon Lee Glashow (Nobel de Física en 1979), publicaron o artigo no que describían o mecanismo GIM (das iniciais de Glashow, Iliopoulos e Maiani). Este mecanismo esixía a existencia dun novo quark, o ‘charm’, que se sumaba aos tres coñecidos ata o momento (‘up’, ‘down’ e ‘strange’), segundo o modelo de quarks desenvolvido por Murray Gell-Mann e George Zweig. Catro anos despois, en novembro de 1974, e de forma case simultánea, dous laboratorios dos Estados Unidos detectaron experimentalmente a partícula J/Psi, o que validou a proposta teórica na que participou o físico greco-francés. 

Deste xeito, a contribución de Iliopoulos e os seus colegas Maiani e Glashow converteuse nun dos alicerces do Modelo Estándar, a explicación máis completa que a física  conseguiu obter ata o momento para describir as partículas que conforman todo o que coñecemos, e as interaccións entre elas. Aínda que a ciencia segue traballando para atopar posibles desviacións alén deste modelo (verificado durante décadas en laboratorios como o CERN), ninguén puido, ata o momento, abrir unha fenda no grande edificio da física de partículas. 

Sobre Jean Iliopoulos
Despois de graduarse na Escola Politécnica de Atenas e traballar en institucións como o CERN ou Harvard, Jean Iliopoulos desenvolveu boa parte da súa carreira na École normale supérieure de París. Foi un dos fundadores do prestixioso Laboratorio de Física Teórica desta institución, que dirixiu entre 1991 e 1995 e 1998 e 2002. Desde 2002 é membro da Academia Francesa de Ciencias, e recibiu importantes recoñecementos como o premio Dirac (2007) xunto ao seu colega Luciano Maiani, o premio en Física de Altas Enerxías e de Partículas da Sociedade Europea de Física (2011), xunto a Maiani e Glashow. 

The contents of this page were updated on 11.22.2024.