A publicación foi o Premio Xohana Torres de Ensaio 2023

A xornalista e escritora Montse Fajardo presenta este venres ás 19.00 horas na Casa Xohana Torres o libro Caídas. Achegamento ao Patronado de Protección a la Mujer, resultado da investigación coa que gañou o Premio Xohana Torres de Ensaio na súa sexta edición. Na presentación participarán ademais a delegada do Reitor para a Igualdade, Sonia Rodríguez, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
Como sinala o título, Caídas é un achegamento ao funcionamento en Galicia do Patronato de Protección a la Mujer, a institución franquista que entre 1941 e 1985 internou en institucións relixiosas a miles de mozas por térense afastado do modelo único de nai e esposa imposto pola ditadura, ademais de someter a un estrito control moral toda a poboación.
Malia ser unha das expresións máis crueis e lonxevas da ditadura, o Patronato segue sendo un gran descoñecido ou, o que é aínda máis grave, mantendo a pátina de institución benéfica na que monxas coidaban rapazas que se afastaran ‘do bo camiño’. A realidade é ben distinta e amosa un calvario de explotación laboral e vexacións amparado pola Igrexa e as familias adeptas ao réxime, que deixou nas internas graves secuelas psicolóxicas. Para Fajardo, “ste traballo é unha homenaxe a todas esas mozas: ás sobreviventes e as que acabaron botándose por unha fiestra para fuxir da institución e das lembranzas que aínda hoxe perseguen a quen padeceu a barbarie do Patronato”.