Marcelino Oreja Aguirre: “O incremento das desigualdades esixe unha resposta europea”

O presidente do Instituto de Estudos Europeos da Universidade CEU-San Pablo e presidente de honra da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, Marcelino Oreja Aguirre, reflexionou este martes no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) sobre o futuro de Europa.
O que fora ministro de Asuntos Exteriores na primeira lexislatura da democracia mostrouse “un soñador” de Europa, convencido do seu futuro. Iso si, para iso é necesario “construír unha Europa máis social”, dixo, “que sexa quen de frear o incremento das desigualdades”.
No seu discurso avogou por unha Europa “relevante” para o cidadán, que “se rebele contra a desafección existente”, algo que na súa opinión pasa por unha maior calidade democrática e competencias claras. “Se os europeos desexamos vivir baixo o mesmo teito debemos renunciar a parte da nosa soberanía”, asegurou.
Á conferencia de Oreja asistiu o reitor Juan Viaño, que compartiu o sentir do relator á vez que manifestou que “o desafío agora é lograr unir os europeos en torno a un obxectivo común”. Tamén se contou coa presenza do presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kreglewski, que explicou o cometido do seu grupo e a súa forte dimensión europeísta, e so secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, para quen “nesta crise de roles no proceso de construción europea é necesario recuperar os valores prácticos da cidadanía”.
Marcelino Oreja
Marcelino Oreja Aguirre ingresou na Carreira Diplomática en 1960 co número 1 da súa promoción e dende 1980 ten a categoría de embaixador de España. Ademais doutorouse en Dereito pola Universidade de Madrid con Premio Extraordinario. Foi ministro de Asuntos Exteriores (1976-1980), secretario xeral do Consello de Europa (1984-1989) e comisario europeo de Transportes e Enerxía (1994-1999).