Persoal investigador do CiMUS contribúe ao descubrimento dun novo mecanismo para loitar contra as enfermidades autoinmunes
As enfermidades autoinmunes afectan na actualidade entre o 3 e o 5% da poboación mundial e están aumentando de maneira drástica, probablemente como resultado de cambios na nosa exposición a factores ambientais. Padecer unha enfermidade autoinmune implica que o noso sistema inmunolóxico ataca por erro, cando se atopa co noso propio ARN (xerado a partir do noso material xenético), as células sas dos nosos órganos e tecidos e déixanos desprotexidos fronte a axentes infecciosos que provocan enfermidades. Neste proceso, a enzima ADAR1, que desempeña un papel clave ao actuar de “gardiá” para evitar a hiperactivación da inmunidade innata, non sempre funciona correctamente.
Ata a data, en ausencia de ADAR1, só se describira un único mediador capaz de controlar a resposta inmunitaria a ARNs de dobre cadea. Agora, os grupos de investigación Células nai e enfermidades humanas e Epitranscriptómica e envellecemento do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, liderados por Miguel Fidalgo e Diana Guallar, respectivamente, contribuíron ao descubrimento de tres novas proteínas (GGNBP2, CNOT10 y CNOT11) que actúan de maneira conxunta para restablecer o seu correcto funcionamento. O traballo, realizado en colaboración co equipo que lidera en Australia Carl Walkey, acaba de publicarse na prestixiosa revista científica Science Immunology.
O estudo “supón un importante avance na loita contra as enfermidades autoinmunes causadas por problemas con ADAR1 e é crucial para desenvolver novas terapias e para a abordaxe, ademais, doutras afeccións, como o cancro, coas que esta proteína está relacionada”, explica Diana Guallar.
Corrixir erros, enderezar o camiño
Os equipos do CiMUS da USC e da Universidade de Melbourne consideran que este traballo constitúe un “fito” con gran potencial en enfermidades autoinmunes xa que ofrece unha nova perspectiva en bastante tempo. “Descubrimos un novo mecanismo de como se controla a resposta inmunitaria innata independente de MDA5, que era o único mediador da resposta causada pola ausencia de ADAR1 coñecido, e que xa fora descrito hai case unha década”, apunta Fidalgo.
O estudo tiña como obxectivo coñecer que outras proteínas axudan a controlar esta resposta inmunitaria cando ADAR1 non funciona correctamente. Para iso, empregaron unha técnica de cribado especial usando CRISPR e identificaron outras proteínas que funcionan con ADAR1. Descubriron tres importantes: GGNBP2, CNOT10 e CNOT11, que traballan xuntas, en equipo, para regular a resposta inmunitaria cando ADAR1 non funciona ben, regulando a cantidade de ARN do propio organismo que se atopa no citoplasma (a parte da célula onde se atopan os sensores inmunitarios).
“Isto evita que o sistema inmunitario reaccione de forma esaxerada. Por iso, cando falta algunha destas tres proteínas (GGNBP2, CNOT10 ou CNOT11) o corpo ten máis probabilidades de ter unha resposta inmunitaria inapropiada. Entre elas, GGNBP2 parece ter o papel máis significativo, mantendo o ARN nos lugares correctos dentro da célula”, conclúe Guallar.