Un estudo sobre leucoencefalopatía multifocal progresiva, premiado pola Sociedade Española de Enfermaría Neurolóxica
Persoal investigador da USC acadou o segundo premio á mellor comunicación científica no marco do XXXI Congreso Nacional e VII Congreso Internacional da Sociedade Española de Enfermaría Neurolóxica. O traballo titulado ‘Leucoencefalopatía multifocal progresiva causada polo virus John Cunningham nun paciente con Esclerose Múltiple Remitente-Recorrente. A propósito dun caso’ é froito do traballo do grupo de investigación de Neuroloxía en colaboración co Ilustre Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, formado por enfermeiras docentes da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo (María Lourdes Bermello López e Isidoro Rodríguez Pérez), da Facultade de Enfermaría de Santiago de Compostela (Emilio Rubén Pego Perez) e da Unidade de Neuroloxía e neurocirurxía do Hospital Universitario Lucus Augusti.
A leucoencefalopatía multifocal progresiva é unha enfermidade desmielinizante do sistema nervioso central causada polo virus John Cunningham, que afecta principalmente a individuos inmunocomprometidos. Trátase dunha complicación grave en pacientes con esclerose múltiple tratados con natalizumab, un fármaco inmunosupresor que incrementa o risco de infeccións oportunistas. Os obxectivos do estudo da USC foron avaliar o estado funcional, cognitivo, nutricional, a calidade de vida e a carga do coidador nun paciente con leucoencefalopatía multifocal progresiva e avaliar as súas correlacións.
Con estas metas, realizouse un estudo de caso único, lonxitudinal e descritivo, avaliando a un paciente de 63 anos con esclerose múltiple remitente-recorrente e leucoencefalopatía multifocal. Leváronse cabo avaliacións en catro momentos específicos: basal, primeira consulta, segunda consulta e terceira consulta. No estudo observouse que as melloras no estado cognitivo, funcional e nutricional do paciente están fortemente correlacionadas cunha mellor percepción da calidade de vida e unha redución na carga da persoa coidadora. As ferramentas utilizadas demostraron ser efectivas para avaliar o impacto da leucoencefalopatía multifocal en diferentes dimensións da vida do paciente. Estes achados subliñan a importancia dun enfoque multidimensional no manexo de pacientes con leucoencefalopatía, destacando a necesidade de vixilancia constante e coidado integral para mellorar os resultados clínicos e a calidade de vida.