O programa está estruturado en tres mesas redondas, nas que se analizará esta metodoloxía innovadora e se presentarán algúns casos de éxito

A xornada ‘Venture building: unha oportunidade para empresas EBC’, orientada a afondar nas características das empresas baseadas no coñecemento, desenvólvese este mércores 11 de decembro a partir das 10.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais compostelá, sendo preciso inscribirse para asistir presencialmente ou en liña.
A sesión ten como obxectivo poñer en valor a metodoloxía innovadora coñecida como ‘venture building’ e a súa utilidade para a creación, financiamento e consolidación de empresas baseadas no coñecemento (EBC), amosando así mesmo as vantaxes deste modelo, os recursos que ofrece e o seu impacto na escalabilidade e na competitividade global para as empresas.
Con ese propósito, o programa está estruturado en tres mesas redondas, nas que se analizará o ‘venture building’ e se presentarán algúns casos de éxito, coa participación de responsables de destacadas spin-offs da USC, como Craftium, Neutron Insights, FlowReserve e Gazella Biotech, unha experiencia que se completará coas de empresas como Nowture, Zubi Capital, Tales Venture, Insight Gravity ou Crystal Semiconductors.
A xornada rematará cunha ronda de encontros empresariais, entre as persoas que participen como relatoras e as persoas asistentes inscritas, procedentes de startups, organismos intermedios e entidades de apoio ao emprendemento ou con interese neste modelo de creación e financiamento de iniciativas empresariais. O encontro está enmarcada no Poctep IberoBio, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.