Ángel R. Nebreda, especialista en oncoloxía molecular de referencia mundial, ofrecerá unha lección maxistral

A quinta edición do workshop anual do CiMUS da USC reunirá preto de 200 investigadores e investigadoras o próximo 19 de decembro para expoñer o máis significativo do seu traballo. Os avances máis relevantes en áreas como oncoloxía, cardio-metabolismo, neurociencias, xenómica, descubrimento de fármacos ou medicina rexenerativa, así como as últimas liñas de investigación incorporadas no centro, vertebrarán o programa do encontro. Diferentes comunicacións, sesións de pósters e a conferencia maxistral de Ángel R. Nebreda sobre o papel da quinasa de estrés p38 e outras vías de sinalización no desenvolvemento tumoral e a resistencia á quimioterapia compoñerán o workshop.
Divulgar resultados para mellorar a saúde
O actual contexto sanitario e social pon de manifesto unha vez máis a necesidade dunha maior alfabetización científica mundial, que só pode lograse mediante a difusión de investigación de vangarda. Este encontro do CiMUS, que camiña xa pola súa quinta edición, constitúe un escaparate para mostrar os resultados de diferentes investigación e o talento novo do Centro. Grazas a enfoques multidisciplinares para mellorar a saúde humana, ao coñecemento científico e ao fomento de sinerxías entre o seu persoal investigador, o CiMUS aposta por un traballo sen fronteiras, aberto ao mundo, que contribúa a situar a ciencia biomédica feita en Galicia no mapa global.
Avances en oncoloxía molecular grazas á quinasa do estrés
Esta edición conta ademais coa participación do profesor Ángel R. Nebreda, biólogo especialista en oncoloxía molecular de referencia mundial, que pronunciará unha conferencia sobre o papel da quinasa de estrés p38 e outras vías de sinalización no desenvolvemento tumoral.
Ángel R. Nebreda estudou Bioloxía na Universidade de Salamanca e obtivo o seu Ph.D. en Bioloxía Molecular na mesma institución. Logo, traballou como investigador posdoutoral nos Institutos Nacionais de Saúde en EE.UU. e en Reino Unido. En 1995 iniciou o seu propio grupo de investigación no Laboratorio Europeo de Bioloxía Molecular (EMBL) en Alemaña e máis tarde trasladouse ao Centro Nacional de Investigación do Cancro (CNIO). Desde 2010 é profesor de Investigación ICREA e líder de grupo no IRB Barcelona.
Investigador ERC Proof of Concept, ten unha ampla experiencia investigando mecanismos de transdución de sinais e durante os últimos 25 anos centrouse na oncoloxía molecular. Os seus proxectos de investigación actuais inclúen estudos sobre proteínas quinasas activadas por estrés e os mecanismos de homeostase e quimio-resistencia en células tumorais. Un obxectivo principal do grupo é identificar oportunidades terapéuticas baseadas na modulación das vías de sinalización celular, especialmente dirixidas a tumores heteroxéneos e quimiorresistentes.