Skip to main content

Conferencia ‘Historia da percepción de Se isto é un home a través das traducións’

02.06.2025 | 12.00h

A cargo do profesor da Universidade de Vigo Xoán Manuel Garrido Vilariño

Interior da Facultade de Xeografía e Historia
Interior da Facultade de Xeografía e Historia

No marco do ciclo Pasados Incómodos do grupo Histagra, o xoves 6 de febreiro ás 12.00 horas terá lugar na Facultade de Xeografía e Historia a conferencia ‘Historia da percepción de Se isto é un home a través das traducións’ a cargo do profesor da Universidade de Vigo Xoán Manuel Garrido Vilariño.

Garrido Vilariño é doutor en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, onde é profesor asociado, na combinación lingüística francés-galego-francés. É o autor da tradución ao galego de Se questo è un uomo de Primo Levi publicada en 2019 pola editorial Xerais co título Se isto é un home. 301 páxinas de redacción tradutora que resultan ser o froito de máis de 15 anos de traballo investigador e docente de quen se converteu non so nun dos maiores expertos internacionais sobre a tradución do Holocausto, senón tamén comprometido cunha auténtica e pública pedagoxía da Memoria Histórica dos traumas colectivos e do Holocausto

Se questo è un uomo é un libro sobre o horror dos campos de concentración que se converteu nunha referencia da literatura do Holocausto ao estar traducido a máis de corenta linguas. Trátase dun libro escrito polo prisioneiro de Auschwitz Primo Levi (tatuado co n.º 174577 no seu brazo esquerdo). Un libro cuxos primeiros esbozos de redacción en italiano naceron ao mesmo tempo que o horror dos acontecementos que describe quen os viviu durante dez meses no seu propio corpo. En máis dunha entrevista, Primo Levi chegou a confesar que mentres estaba a vivir os acontecementos do horror do Nazismo, sentía a necesidade de contalos todos e non perdía ningunha ocasión de tomar nota deles cada vez que atopaba un lapis co que poder escribir. 
 

The contents of this page were updated on 02.05.2025.