
As persoas que viven con diabetes tipo 1 tamén poden contribuír á investigación, poñendo voz e rostro a esta enfermidade. Esta é a mensaxe que Anedia Galicia, en colaboración coa organización internacional INNODIA e o CiMUS da USC, queren trasladar a todas as persoas afectadas por esta enfermidade e aos seus familiares, reuníndoas xunto a persoal investigador no encontro que terá lugar este mércores 12 no salón de Actos deste centro singular a partir das 17:00 horas.
A xornada contará coas intervencións da directora científica do CiMUS, Mabel Loza, quen será a encargada de inaugurar o acto, e da investigadora do Centro, Iria Gómez Touriño, quen abordará os estudos que están actualmente en curso no campo da diabetes tipo 1. Durante o encontro tamén se presentará a plataforma europea INPACT de INNODIA, a través da cal os pacientes poden contribuír á investigación.
INNODIA é unha plataforma única e singular que integra e conecta pacientes, investigadores e profesionais sanitarios con aqueles que desenvolven medicamentos coa fin de impulsar e facilitar o desenvolvemento innovador de tratamentos de prevención e cura da diabetes tipo 1.