Skip to main content

A Universidade de Verán da USC volve debater as últimas tendencias en Biomedicina

A Universidade de Verán da USC volve debater as últimas tendencias en Biomedicina
A Universidade de Verán da USC volve debater as últimas tendencias en Biomedicina

A investigación biomédica ofrece constantes avances que auguran melloras para a saúde. Para profundar nas novas vías asociadas a este ámbito, o curso ‘ Novas tendencias en Biomedicina’ reunirá un cadro de expertos/as de demostrada experiencia en cada ámbito, con especial énfase nas novas tecnoloxías desenvolvidas nos últimos anos. Este é un curso de 25 horas de carga lectiva que se impartirá en español e inglés do 17 ao 21 de xullo e que conta co apoio como entidades colaboradoras de Agilent Technologies, da Facultade de medicina, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, de Eppendorf Ibérica, Fisher Scientific e VWR. A matrícula pode formalizarse na web ata o día 7 de xullo.

Cada unha das cinco xornadas en que se desenvolverá o programa contará cunha serie de intervencións agrupadas tematicamente. A primeira xornada será a quenda da investigación en enfermidades crónica, cunha serie de relatorios nos que se disertará sobre novas dianas no tratamento da ‘diabesidade’, así como sobre os avances recentes na patoxenia da artrite reumatoide, terapia celular na enfermidade de Parkinson ou sobre a poliquistose renal. Xa o día 18, o curso explora as particularidades da medicina personalizada, os nanomedicamentos, o labor da plataforma Innopharma ou o estado actual das investigacións con células nai embrionarias.

Os modelos animais en investigación biomédica agrupa as intervencións do mércores 18, dedicadas ao modelos animais en ensaios preclínicos, o Drosophila para o estudo da división celular en desenvolvemento e tumorixénese, o peixe cebra como modelo na investigación biomédica ou o caso dos ratos xeneticamente modificados no modelado de enfermidades humanas. A sesión do xoves 20 estará dedicada á edición xenómica e as súas aplicacións e a do venres 21 especificamente ás células nai en biomedicina.

As persoas interesadas en coñecer a oferta da Universidade de Verán poden consultala na web.

The contents of this page were updated on 06.20.2017.