Skip to main content

Faíscas Culturais

Charlas 'Artes vivas inclusivas dentro do currículum educativo' e 'Programación das artes vivas inclusivas'

Esta edición do programa Faíscas Culturais é unha reflexión arredor das artes inclusivas dentro do currículum educativo en Formación de Profesorado e no grao de Xestión Cultural

Imaxe do cartel
Imaxe do cartel

O 5 de marzo, Fran Rei, un dos directores da obra de teatro Nada se sabe do Centro Dramático Galego e de CulturActiva, será quen imparta as charlas da nova faísca 'Nada se sabe: artes vivas inclusivas'. A primeira charla será ás 10.00 horas na Facultade de Humanidades e tratará sobre 'A programación das artes vivas inclusivas'. O relatorio diríxese a estudantado do grao de Xestión Cultural. A segunda charla será ás 12.00 horas na Facultade de Formación do Profesorado e tratará sobre 'Artes vivas inclusivas dentro do currículum educativo' e a ela asistirá estudantado da propia Facultade. A entrada está aberta tamén para toda a comunidade universitaria. Ademais, o estudantado participante na faísca poderá ir a ver a obra o vindeiro 14 de marzo.

Tomando como referencia a obra 'Nada se sabe', falarase sobre as artes inclusivas dentro do currículum educativo en Formación de Profesorado e no grao de Xestión Cultural a partir do deseño de programacións culturais que teñan en conta as devanditas artes vivas inclusivas.

O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural.

Sobre a obra

A obra Nada se sabe constitúe unha proposta integradora e única no contexto teatral galego tanto polo elenco, integrado por dúas actrices e dous actores con diversidade funcional, como polo tema, que aborda diversas versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose na adaptación moderna e sinxela que asina Manuel Lourenzo a partir de Filoctetes, unha das traxedias de Sófocles. Súmase igualmente a delicada selección musical, a mestura de linguaxes e a súa formulación como un reto á audiencia para nos cuestionar o que entendemos por discapacidade e por integración. Para a dirección desta proposta, formaron tándem Ignacio García, ex director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, experto en pedagoxía teatral e un dos directores de escena máis relevantes a nivel estatal e europeo, e Fran Rei, actor cómico, autor de guións e director teatral, que nos últimos anos vén desenvolvendo con Culturactiva un continuo traballo de integración social a través do teatro.

Cartel da Faísca Nada se sabe: artes vivas inclusivas
Cartel da Faísca Nada se sabe: artes vivas inclusivas
The contents of this page were updated on 03.03.2025.