Skip to main content

Consello de Goberno

03.11.2025 | 09.30h
Colexio de San Xerome. Foto: Santi Alvite
Colexio de San Xerome. Foto: Santi Alvite

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reunirase o 11 de marzo ás 9.30 horas (primeira convocatoria) no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome para tratar asuntos de diversa consideración, entre outros o calendario académico da USC para o curso 2025/2026.

En materia de PDI, someterase a aprobación a proposta de Planificación de PDI 2025 e convocatoria dos concursos correspondentes, as memorias de licenza por ano sabático 2024, os complementos retributivos autonómicos, a proposta de asignación de sexenios, e os acordo polos que se delega no vicerreitor de Profesorado a designación dos membros das comisións de selección dos concursos para a provisión de prazas de profesorado e se faculta á Vicerreitoría de Profesorado para convocar as prazas de profesorado que queden desertas ou vacantes.

En materia de PTXAS, someterase a aprobación a OPE para o 2025 así como a modificación do Acordo sobre a implantación da xornada de traballo de 35 horas e a flexibilidade horaria para o Persoal de Administración e Servizos.

Na mesma xuntanza, estudarase a proposta de creación do Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias da USC (iLTIUS) e o seu regulamento de réxime interno así como a autorización para a creación dunha unidade asociada entre o CSIC (Grupo Prebion, Instituto de Investigación en Ciencias de la Alimentación, CIAL) e a USC e a proposta de renovación da Unidade Asociada USC-CSIC ‘CROPQUALITY’.

A cobertura de vacantes en comisións non delegadas, a designación de representante do estudantado do Consello de Goberno no Consello Social, as propostas de adscrición á USC como investigadores distinguidos no marco do programa Oportunius, a oferta de prazas no curso ponte do Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras para o curso 2025-2026 ou o logo corporativo do Instituto de Investigación en Humanidades son outras cuestións a debater na sesión, na que ademais se someterán a aprobación os regulamentos do Servizo de Doazón de Corpos e do Servizo de Optometría.

A xuntanza complétase con asuntos como a proposta de incorporación da Universidade de León a SIGMA, regulamentos de fin de estudos, modificación do plan de estudos do Diploma Senior de Lugo, memorias de estudos propios, tarifas da Escola Infantil Breogán para o curso 2025/2026 ou unha proposta de aceptación de herdanza. 

The contents of this page were updated on 03.04.2025.