Skip to main content

A exposición ‘Ovidius vivit!: mitos, imaxes e libros’ inaugúrase oficialmente este luns en Fonseca

A exposición ‘Ovidius vivit!: mitos, imaxes e libros’ inaugúrase oficialmente este luns en Fonseca
A exposición ‘Ovidius vivit!: mitos, imaxes e libros’ inaugúrase oficialmente este luns en Fonseca
Percorre a obra do poeta romano Ovidio a través do patrimonio bibliográfico de Galicia

O Colexio de Fonseca alberga ata o 30 de xuño unha exposición que mostra a través das imaxes dos libros ilustrados a gran repercusión da obra mitolóxica do poeta romano Publio Ovidio Nasón, de cuxa morte se celebra este ano o bimilenario.

‘Ovidius vivit!: mitos, imaxes e libros. A obra ilustrada de Ovidio nas bibliotecas de Galicia’ inaugúrase oficialmente este luns 15 ás 19.30 horas nun acto no que participan a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a comisaria da mostra, a profesora da USC Fátima Díez.

As numerosas edicións ilustradas da produción literaria do poeta poden atoparse no patrimonio bibliográfico de Galicia, de cuxas bibliotecas (catorce, en concreto) proceden os 68 exemplares ilustrados das distintas obras de Ovidio que se expoñen. Deste xeito, explica a comisaria, esta mostra pretende ademais poñer de manifesto un patrimonio descoñecido “e ás veces desatendido que encerra aspectos inéditos dos centros culturais da nosa comunidade autónoma”.

A exposición estrutúrase en tres ámbitos: un primeiro que presenta a vida, obra e imaxe do poeta; un segundo dedicado a facer un percorrido pola historia da edición ilustrada do poema das Metamorfoses; e un terceiro, no espazo da Capela, centrado exclusivamente na iconografía desta obra.

‘Ovidius vivit!’ é unha produción da Área de Cultura da USC coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Poderá visitarse de luns a sábado de 11.00 a 14:00 e de 17.30 a 20.30 horas.

The contents of this page were updated on 05.12.2017.