Skip to main content

Unha mostra en Fonseca percorre a obra do poeta romano Ovidio a través do patrimonio bibliográfico de Galicia

A exposición permanecerá aberta ata o 30 de xuño (Foto: Santi Alvite)
A exposición permanecerá aberta ata o 30 de xuño (Foto: Santi Alvite)

O Colexio de Fonseca alberga ata o 30 de xuño unha exposición que mostra a través das imaxes dos libros ilustrados a gran repercusión da obra mitolóxica do poeta romano Publio Ovidio Nasón, de cuxa morte se celebra este ano o bimilenario.

‘Ovidius vivit!: mitos, imaxes e libros. A obra ilustrada de Ovidio nas bibliotecas de Galicia’ inaugurouse oficialmente este luns nun acto no que participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, e a comisaria da mostra, a profesora da USC Fátima Díez. Asistiron tamén varios prestadores de obras e numerosos público interesado.

As numerosas edicións ilustradas da produción literaria do poeta poden atoparse no patrimonio bibliográfico de Galicia, de cuxas bibliotecas (catorce, en concreto) proceden os 68 exemplares ilustrados das distintas obras de Ovidio que se expoñen. Deste xeito, explica a comisaria, esta mostra pretende ademais poñer de manifesto un patrimonio descoñecido “e ás veces desatendido que encerra aspectos inéditos dos centros culturais da nosa comunidade autónoma”.

A exposición estrutúrase en tres ámbitos: un primeiro que presenta a vida, obra e imaxe do poeta; un segundo dedicado a facer un percorrido pola historia da edición ilustrada do poema das Metamorfoses; e un terceiro, no espazo da Capela, centrado exclusivamente na iconografía desta obra.

‘Ovidius vivit!’ é unha produción da Área de Cultura da USC coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Poderá visitarse de luns a sábado de 11.00 a 14:00 e de 17.30 a 20.30 horas.

A vicerreitora Dolores Álvarez inaugurou oficialmente a mostra (Foto: Santi Alvite)

The contents of this page were updated on 05.16.2017.