Skip to main content

Obradoiro de experimentación corporal coa bailarina Anuska Fernández

Obradoiro de experimentación corporal coa bailarina Anuska Fernández
Obradoiro de experimentación corporal coa bailarina Anuska Fernández

A bailarina e coreógrafa Anuska Fernández impartirá este mes na USC o laboratorio de danza contemporánea ‘Os xardín das ledicias’, unha iniciativa do espazo de Danza da USC consistente en varios obradoiros de experimentación corporal e de creación.

Nas clases, a desenvolver do 6 ao 22 de xuño na Igrexa da Universidade, búscase ampliar e expandir as capacidades físicas e creativas a través da improvisación, técnicas da danza contemporánea e do teatro así como pilates, ioga ou barra ao chan. A proposta final será unha presentación pública resultado do traballo creado no laboratorio.

Abertas a todas as persoas interesadas, independentemente da idade ou capacidade física, as clases desenvolveranse os martes, mércores e xoves de 14:00 a 16:30 horas. O prezo total é de 60 euros para os membros da comunidade universitaria e de 110 para o público xeral.

Anuska Fernández
Cunha ecléctica formación en ballet, flamenco, jazz ou bailes de salón, Anuska Fernández traballou como bailarina en España durante dez anos antes de marchar a Londres a continuar seus estudos, onde se especializou en danza contemporánea e coreografía, obtendo a súa licenciatura en Middlessex University en 2011. Rematou os seus estudos de posgrao en Teatro Físico, na Royal Holloway University of London en 2016.

Colaborou con outros artistas visuais, músicos, directores de cine, escultores ou fotógrafos e creou e dirixiu varios proxectos de danza en comunidade, traballando con persoas maiores e con discapacidades.

Como coreógrafa fusiona a danza contemporánea e teatro con outras formas. A linguaxe física que utiliza crece e desenvólvese observando as persoas, a un mesmo e á sociedade na que vivimos, goza mesturando realidade con ficción, traxedia con humor e explorando os conflitos humanos, emocións e contradicións, á vez que o mundo dos soños e o absurdo.

Os seus traballos como coreógrafa foron presentados en Londres en The Place Resolution, Artsdepot, Independent Dance, Crouch End Festival, Big Dance , London Science Museum, Saddlers Wells, Lilian Bailys Studios ou RHUL Winter Festival, entre outros.

The contents of this page were updated on 05.30.2017.