Skip to main content

O reitor Juan Viaño incorpórase á galería de matemáticos ilustres Arbolmat

O reitor Juan Viaño incorpórase á galería de matemáticos ilustres Arbolmat
O reitor Juan Viaño incorpórase á galería de matemáticos ilustres Arbolmat

A Galería de Matemáticas, Ciencia e Tecnoloxía ‘A Árbore das Matemáticas”, Arbolmat, acaba de incorporar 29 novos perfís, entre eles o do Reitor da USC, Juan Viaño, á lista de personalidades destacadas pola súa relevancia investigadora e no uso desta disciplina en España, Portugal e Latinoamérica. Súmanse así á lista dos 39 perfís publicados ata a data no marco desta iniciativa conxunta da Real Sociedad Matemática Española (RSME) e Universia, que naceu en 2011 para dar visibilidade e recoñecer a dedicación matemática ao máis alto nivel.

Xunto con Viaño, incorpóranse entre outros Francisco Marcellán e Carlos Andradas; a catedrática da Universidade de Bos Aires, Alicia Dickenstein; a directora de Investigación do Ceremade na Universidade París-Dauphine e presidenta do ICIAM (International Council for Industrial and Applied Mathematics), María Jesús Esteban; a catedrática da Universidade de Zaragoza e medalla RSME en 2016, María Teresa Lozano; o reitor da Universidade de Salamanca, Daniel Hernández-Ruipérez, o político e economista Andreu Mas-Colell, ou o investigador e premio nacional Enrique Zuazua. Ademais, foron homenaxeados o ex presidente de RSME, Antonio Campillo, e Antonio Durán, catedrático da Universidade de Sevilla, historiador e divulgador da disciplina.

No ámbito iberoamericano destacan as incorporacións dos arxentinos Carlos Kenig e Orlando Villamayor, o uruguaio Juan Felipe Cucker, os mexicanos Raymundo Bautista e Santiago López de Medrano ou o brasileiroo Waldyr Alves Rodriguez, Jr.

Os novos perfís foron presentados nun acto conxunto ao que asistiron o presidente da RSME, Francisco Marcellán; a directora xeral de Universia España, Susana García Espinel; o reitor da Complutense, Carlos Andradas; o director da FECYT, Ignacio Fernández de Vera; o coordinador de Arbolmat, Sebastiá Xambó; e o presidente da Sección Exactas da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, Jesús Sanz Serna, entre outros.

Durante a presentación, Francisco Marcellán destacou a importancia de “recoñecer o traballo e poñer cara aos investigadores e profesionais das Matemáticas” e insistiu na necesidade de “dar maior visibilidade aos científicos a través de recoñecementos como os Premios Nacionais de Investigación que concede o Ministerio e que, lamentablemente, non se convocan desde hai catro anos” .

Pola súa banda, a directora xeral de Universia España declarou que Arbolmat é “unha grande iniciativa para que a xuventude poña rostro aos seus referentes”.

The contents of this page were updated on 05.10.2017.