Skip to main content

Un foro sobre sanidade forestal, celebrado na USC, advirte do aumento das pragas en piñeiros e eucaliptos nos últimos anos

De esquerda a dereita, Lombardero, Cabaleiro, Amador e Blond, na Escola Politécnica Superior
De esquerda a dereita, Lombardero, Cabaleiro, Amador e Blond, na Escola Politécnica Superior

Un foro sobre sanidade vexetal celebrado este venres na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC alerta do incremento das pragas que están a experimentar os piñeiros e os eucaliptos en Galicia durante os últimos anos, tal e como sinalou a profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC María José Lombardero, quen lembrou na súa intervención que as pragas en piñeiros aumentaron un 20% no último cuarto de século, unha porcentaxe que eleva ao 400% no caso das poboacións de eucalipto.

Nunha exposición descritiva da realidade, Lombardero relaciona este tipo de feitos coa xestión do monte e das superficies forestais que se está a facer na actualidade, un período no que se rexistra un importante movemento de material vexetal, ademais de asistir á paulatina incorporación ou implantación no territorio de Galicia de especies foráneas que, chegado o momento, poden incluso converterse en invasoras.

A profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC reclamou asemade un enfoque global para dar resposta ás diferentes problemáticas locais que se están a advertir no eido da sanidade forestal, episodios máis ou menos complexos de controlar que están estreitamente ligados coa actividade que realiza o ser humano, comentou.

A sanidade vexeta foi un dos temas abordados na segunda sesión do ciclo de conferencias sobre o sector forestal organizado na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC co gallo da celebración dos 25 anos da implantación dos estudos de enxeñaría forestal na universidade galega. Daquela, neste coloquio, moderado por Cristina Cabaleiro Sobrino, profesora da USC na EPS, tamén participaron como relatores o enxeñeiro forestal do Servizo de Montes de Pontevedra Agustín Blond Arredondo, e o enxeñeiro agrónomo e responsable de medio ambiente e regulamentación do grupo empresarial Agroamb, Alberto Amador García.

The contents of this page were updated on 05.05.2017.