Skip to main content

O profesor José Carreira Villamor, novo decano de Medicina e Odontoloxía

O novo decano de Medicina, José Carreira Villamor. Foto: Santi Alvite
O novo decano de Medicina, José Carreira Villamor. Foto: Santi Alvite
Acompañarano no equipo decanal María Jesús Mora Bermúdez, María Jesús Tabernero, Angela Torres e Álvaro Hermida Ameijeiras

O catedrático de Radioloxía José Carreira Villamor acaba de ser elixido decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Nunha votación en segunda volta, Carreira Villamor obtivo 81 votos fronte aos 50 do outro candidato, Ángel Luís Fernández González, e 1 branco.

Carreira Villamor, que ata o de agora era vicedecano de docencia da Facultade, compaxina a súa actividade docente e investigadora no grupo LIIR Laboratorio de Investigación en Imaxe Radiolóxica coa asistencial na área de Radioloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. Acompañarano no equipo de goberno María Jesús Mora Bermúdez, María Jesús Tabernero, Angela Torres e Álvaro Hermida Ameijeiras.

Para os vindeiros seis anos de mandato, o novo decano formúlase como retos promover a incorporación de profesorado con vinculación permanente tanto en materias básicas como clínicas nas dúas titulacións e realizar un estudo sobre a necesidade de profesorado nos próximos anos, “implementando solucións a corto, medio e largo prazo segundo a urxencia da situación en cada área”. “Reforzaremos tamén o PTXAS da Facultade, na medida en que as novas incorporacións de estudantes xeran mais cantidade de procedementos de xestión e outras tarefas e crearemos un novo Vicedecanato de estudantes e intercambios dado que o estudantado é a nosa razón de ser, e a súa formación e crecemento persoal, o noso obxectivo”, engade.

En materia académica proponse a renovación da acreditación do grao en Medicina e a posta en marcha do grao reformado así como solicitar “á maior brevidade posible” a acreditación na Federación Mundial para a Educación Médica (WFME) para obter o selo internacional. A mellora da proporción titor/estudante nas prácticas clínicas en Medicina e unha maior docencia con técnicas de simulación son outras das liñas do seu programa para este título.

No que ten que ver especificamente con Odontoloxía, pretende completar o proceso de reacreditación, adaptar o plan do grao aos requirimentos europeos, completar o proceso de remodelación do edificio e ampliar as dotacións para práctica de microscopios, simuladores ópticos, fantomas e outros.

José Carreira
José Carreira leva co dirixidas 14 teses doutorais e titorizado 176 TFG e é autor de medio cento de capítulos de libros tanto estatais como estranxeiros e o volume Diagnóstico y Terapéutica Endoluminal. Radiología Intervencionista no que participaron máis de 170 colaboradores de todo o mundo. Interveu ademais nun proxecto no que conflúen a análise de imaxe e a radioloxía vascular que culminou con varias publicacións entre as que destaca a publicada na revista Medical Image Analysis, que supón unha das primeiras aproximacións ao diagnóstico automatizado en imaxe médica.

Carreira é membro da Sociedade Española de Radioloxía Médica (SERAM), da Sociedade Española de Radioloxía Vascular e Intervencionista (SERVEI), da European Society of Radiology (ESR) e da Cardiovascular and Interventional Radiological Society of Europe (CIRSE). Ten participado en 31 proxectos de investigación financiados, 30 contratos de investigación con empresas e dous patentes.

En 2018 obtivo o Premio á Profesión en Radioloxía outorgado pola Sociedade Española de Radioloxía Médica e en 2020 o Barrié de la Maza como primeiro asinante dun traballo de Investigación Médica. É ademais académico correspondente da Real Academia de Medicina de Galicia.
 

The contents of this page were updated on 05.09.2025.