Esta sesión de traballo enmárcase no Programa ConCiencia que dirixe o profesor Jorge Mira

Kip S. Thorne é un dos fundadores do proxecto LIGO, xunto a Barry C. Barish e Rainer Weiss, con quen compartiu o Premio Nobel de Física en 2017. Como parte desta colaboración, construíronse dous detectores xigantes en Estados Unidos, separados por máis de 3.000 km, con brazos perpendiculares de varios quilómetros de lonxitude. O seu obxectivo era observar de maneira directa as ondas gravitacionais, 'enrugas' no espazo-tempo que Einstein predicira teoricamente un século antes. En 2015, LIGO conseguiu a súa gran meta, o que supuxo un dos grandes fitos da física nas últimas décadas.
Tras recibir a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu en 2017, a dirección científica do IGFAE identificou a ciencia de ondas gravitacionais como unha liña de investigación de gran potencial de crecemento dentro do Instituto, especialmente en relación coa astronomía de multimensaxeiros. En 2018, o IGFAE uniuse á colaboración LIGO.
Nesta reunión, organizada no marco da visita de Kip Thorne a Santiago de Compostela co Programa Conciencia, o físico manterá este venres un encontro co persoal do IGFAE, centro mixto da USC e a Xunta de Galicia. O persoal do Instituto compartirá con Thorne os seus principais avances científicos neste campo, ademais de debater sobre o pasado, presente e futuro da ciencia de ondas gravitacionais.
