Skip to main content

A USC e o Ministerio de Memoria Democrática reúnense en Santiago para definir o convenio do Censo Estatal de Vítimas

A xuntanza entre o equipo da USC e a representación ministerial tivo lugar no CISPAC. Foto: CISPAC
A xuntanza entre o equipo da USC e a representación ministerial tivo lugar no CISPAC. Foto: CISPAC
A xuntanza do grupo Histagra coa representación ministerial tivo lugar na sede do CISPAC
Santiago de Compostela

O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática acordou hai unhas semanas que sexa o Grupo HISTAGRA da Universidade de Santiago, vencellado ao centro de investigación CISPAC, o encargado de elaborar para o Goberno de España o censo estatal de vítimas da Guerra Civil e a ditadura para o período 1936-1939. O encargo, que responde ao establecido no artigo 9 da Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática, materializouse no correspondente acordo de colaboración asinado polo reitor da USC, Antonio López, e o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez López.

Para dar forma ao acordo e definir grupos e tempos de traballo, o equipo investigador da USC, coordinado por Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, recibiu este venres no CISPAC unha representación ministerial composta pola directora xeral de Atención ás Vítimas de Memoria Democrática, Zoraida Hijosa; o director da División de Exhumacións, Jaime del Rey Gómez-Morata, e o xefe de área da Dirección Xeral, José Luis Muñoz Romano.

Na xuntanza formalizáronse os equipos de seguimento e de traballo que desenvolverán a investigación en todo o territorio español á vez que se definiu a composición dos comités asesores, integrados por especialistas de distintas universidades españolas e iberoamericanas. Ademais, deuse inicio á posta en marcha da base de datos específica que recollerá os resultados do proxecto.

Ao remate da xuntanza en Santiago, a comitiva trasladouse a Vilagarcía de Arousa para visitar o monumento do cemiterio de Rubiáns, inaugurado en decembro de 2024 con motivo da exhumación da fosa común realizada ao abeiro do Plan de Memoria Democrática de Galicia 2021-2024, e foron recibidos polo alcalde da vila, Alberto Varela.

O convenio
O convenio ten como obxectivo principal a elaboración do primeiro Censo Estatal de Vítimas do golpe de Estado de 1936, da Guerra Civil e da Ditadura para o período 1936-1939, así como unha proposta metodolóxica para a súa posible ampliación ao período 1940-1942, ambos os dous espazos de tempo con maior número de vítimas mortais. En ambos casos, o censo centrarse en vítimas mortais que non foran combatentes, e abranguerá todo o territorio do Estado español da época, incluíndo o Protectorado de Marrocos, o Sáhara e Guinea.
 

Cun horizonte temporal de tres anos e un financiamento de cerca de medio millón de euros, os traballos do proxecto centraranse na investigación sobre vítimas con resultado de morte, excluíndo os combatentes. Así mesmo, gravaranse os datos obtidos na ferramenta Dédalo, que constituirá a base de datos oficial do Censo de Vítimas da Guerra de España e a ditadura. Ademais da elaboración do censo, este proxecto contribuirá á apertura de novas liñas de investigación apoiadas documentalmente, o que fomenta un maior coñecemento da verdade respecto do acontecido durante a Guerra de España e a posterior ditadura.

Para os profesores da USC Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea, e Antonio Míguez Macho, decano da Facultade de Xeografía e Historia, este encargo “supón o recoñecemento a un esforzado traballo de décadas para arroxar luz sobre o período máis negro da nosa Historia recente coa fin de reconstruír a nosa memoria democrática”. 
 

The contents of this page were updated on 05.09.2025.