Skip to main content

Depende de ti

O alumnado aprende os contidos das materias, pero tamén a terminoloxía que se utiliza, a linguaxe de especialidade... Depende do que ti decidas sobre a lingua das túas aulas e do que marques no teu POD, que poidan aprendelo tamén en galego

Tamén poden aprender actitudes. Poden deducir que só certas linguas valen para o exercicio profesional se a maior parte da docencia que reciben se imparte só nelas. Ou poden aprender que todas as linguas son válidas; que a clientela, doentes, administrados/as, alumnas/os da súa futura vida profesional poden ser atendidos nas súas linguas. Poden aprender que en galego tamén pode haber excelentes médicas, enfermeiros, biólogas, odontólogos, farmacéuticas... porque os viron e escoitaron. 

Ensinas máis do que cres.

Cando unha docente ou un docente usan o galego o seu alumnado tamén o emprega moito máis. Nun estudo realizado en varios centros do Campus de Lugo, e corroborado tamén en Santiago, comprobouse que o mesmo grupo de clase usa o galego nos exames ata un 70% máis co profesor/a que lle imparte as clases neste idioma que co docente que o fai en castelán.

Lingua dos exames segundo as linguas da docencia
Lingua dos exames segundo as linguas da docencia

Usares o galego nas aulas non lle supón ao alumnado problema ningún, como ben demostran aqueles centros con maior uso deste idioma, e si moitas vantaxes, pois deste xeito adquirirá os coñecementos e as competencias profesionais da súa titulación nas dúas linguas oficiais en Galicia polo menos. E actitudes máis proclives á igualdade, á diversidade e á xustiza lingüística.

E con competencias profesionais nos dous idiomas e actitudes lingüísticas xustas, os vosos alumnos e alumnas estarán mellor preparados para falaren cos seus doentes, para impartiren clases no ensino non universitario, para atenderen as súas clientas, para relacionarse cos seus administrados...

Pénsao. A discusión e aprobación dos plans de ordenación da docencia para o vindeiro curso é un momento moi oportuno para reflexionardes sobre o voso papel no uso do galego na docencia e na adquisición de competencias e actitudes lingüísticas por parte do voso alumnado. Pódeste preguntar se os usos lingüísticos do teu departamento e das titulacións que impartes son equilibrados ou se merecen un esforzo para nivelalos.

 

The contents of this page were updated on 06.02.2025.