Música tradicional e danza encherán o martes o Xardín das Pedras que falan

O Espazo de Danza da Universidade, baixo a dirección de Juan Carlos Zahera, organiza a cuarta edición do Tradi-Fest, un festival de música tradicional e danza que terá lugar, con entrada libre, o martes 20 de maio ás 19.30 horas no Xardín das Pedras que falan (Tras o Colexio de Fonseca). En caso de choiva suspenderase a actividade.
O principal obxectivo do Tradi-Fest é favorecer, nun futuro, un diálogo cultural entre os pobos do norte e do sur da franxa Atlántica, coa difusión da cultura musical e dancística.
REDes
Como novidade, o festival este ano contará coa Compañía de Danza da USC e a súa produción REDes, coreografada por Rosa Acuña. De novo en REDes reúnense as tres Compañías de Danza da USC (campus Compostela, Lugo e Sen Vergoña) nunha peza contemporánea con fusión de músicas de varias culturas e nacionalidades.
REDes conta coa interpretación de Iria Alén, Alexandra Clista, Aida García, Carmen Soriano, Alicia Collazo, Inés F. Mosquera, Andrea Gil, Iria Estévez, Alvaro R. Vazquez, Dolores Besteiro, Minda Mendez, Rosa Menéndez, Beatriz Ovalle e Sabela R. Campo.
Haberá música de fagot con Patricia Castro e un collage musical de Berroguetto, Guadi Galego, Santi Cribeiro, Quin Farinha, Anxo Pintos, Tanxugueiras, Las Lloronas e o vasco KepaJunquera. Ademais, haberá poesía a cargo de Sabela Rodriguez.
A actividade está incluída dentro da programación da Primavera Cultural.