Skip to main content

“As prácticas abríronme o camiño para determinar o meu futuro”

María Pérez recollendo o seu premio no Consello Social. Foto: Santi Alvite
María Pérez recollendo o seu premio no Consello Social. Foto: Santi Alvite
María Pérez Armesto recolleu o premio do Consello Social da USC á mellor valoración das prácticas extracurriculares, que ela fixo no CiTIUS

María Pérez Armesto, do Máster Universitario en Matemáticas da USC, recolleu este venres o premio  que o Consello Social da USC lle concedeu por ser a estudante mellor valorada nas prácticas xestionadas por este órgano que rexe a participación da sociedade na Universidade. “A experiencia foi moi enriquecedora tanto polo traballo realizado como pola atención que recibín en todo momento polo equipo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS)” no que fixo as prácticas o pasado decembro.

“A miña encomenda consistiu en apoiar un estudante de doutoramento que traballaba con conxuntos de datos tomados con técnicas LiDAR”, explica María Pérez, graduada en Matemáticas pola USC. O obxectivo final desta investigación é chegar a clasificar eses puntos en elementos útiles (como árbores ou tellados) para logo, por exemplo, poder trazar a mellor ruta para un camión de bombeiros.

“Para min foi unha sorpresa obter este recoñecemento, que me serve de aliciente para continuar a carreira investigadora. As prácticas, e o premio, dalgún xeito abríronme o camiño para determinar o meu futuro”, asegura María, que recibiu o premio de mans de José Villarnovo Faraldo, membro do Consello Social que actuou en substitución da presidenta.

Con este premio, dotado con 1.500 euros, o Consello Social da USC quere impulsar a realización das prácticas extracurriculares, premiando a excelencia e o esforzo do estudantado no seu desempeño e reafirmando o seu compromiso coa mellora da empregabilidade.

The contents of this page were updated on 05.16.2025.