Skip to main content

O profesor Claudio Rodríguez Fer, elixido membro da Academia Europea de Ciencias e Artes

Claudio Rodríguez Fer no Beaubourg de París
Claudio Rodríguez Fer no Beaubourg de París
Tomará posesión do seu cargo en marzo do vindeiro ano
Lugo

A Academia Europea de Ciencias e Artes elixiu como membro ao escritor Claudio Rodríguez Fer na reunión do seu senado celebrada esta semana. Trátase dunha sociedade composta por persoal científico e artistas dedicados á investigación innovadora, á colaboración interdisciplinaria e transnacional e ao intercambio e difusión de coñecemento, que elixe como membros a personalidades destacadas polos seus logros nas ciencias, nas artes e na sociedade en xeral, tratando de tender pontes colaborativos e de contribuír á unidade de Europa con especial atención á súa historia, linguas, tradicións e cultura, sempre en defensa da paz e da tolerancia.

A cerimonia de ingreso de Claudio Rodríguez Fer na Academia Europea de Ciencias e Artes terá lugar en Salzburgo (Austria), onde está radicada a asociación, na sesión plenaria do 7 de marzo de 2026.

A Academia Europea de Ciencias e Artes conta con 38 premios Nobel entre os seus membros de honra, entre os que estivo o Premio Nobel da Paz Bernard Lown, fundador da Asociación Internacional de Médicos para a Prevención da Guerra Nuclear e creador do desfibrilador para a resucitación cardíaca. Son membros da Academia Europea o xornalista Juan Luis Cebrián, fundador do diario El País; o escultor catalán Jaume Plensa; o arquitecto canadense Frank O. Gehry, creador do Museo Guggenheim de Bilbao e doutras obras mestras do desconstrutivismo, ou o filósofo alemán Peter Sloterdijk. Ademais, entre outros, o escritor checo Václav Havel, último presidente de Checoeslovaquia e primeiro da República Checa, foi un dos seus senadores honorarios.

Claudio Rodríguez Fer
Claudio Rodríguez Fer é autor dun cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. Recibiu diversos recoñecemento en áreas literarias (Premio da Crítica Española por Tigres de ternura e Día da Poesía Galega en Montevideo), investigadoras (Premio Losada Diéguez por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil), académicas (Premio Extraordinario de Doutoramento na USC e Doutoramento Honoris Causa na Universidade da Alta Bretaña), culturais (Premio Cunqueiriano de Honra), cívicas (Premio Galiza Mártir de Memoria Histórica) e internacionais (Medalla Eminescu en Romanía e Premio Babel en Estados Unidos).

Reuniu a súa lírica en Amores e clamores e a súa narrativa en Contos e descontos, así como poesía visual en Cinepoemas e Corpoética. Está traducido a numerosos idiomas (castelán, portugués, inglés, francés, italiano, romanés, grego, ruso, bretón, catalán, esperanto) e o seu poema 'A cabeleira' publicouse en máis de oitenta linguas dos cinco continentes da Terra. Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, coordina os cadernos interculturais Unión Libre e foi profesor universitario en Nova York, París, Rennes e Lorient. Publicou libros e edicións sobre Emily Dickinson, Dostoievski, Tolstói, Cavafis, Antonio Machado, Borges, Cernuda, Gamoneda e moi numerosos escritores galegos. 

The contents of this page were updated on 05.16.2025.