Skip to main content

V Congreso Toponomasticon Hispaniae. O camiño hispánico do étimo aos topónimos

11.09.2025-06.11.2025

Santiago de Compostela

O evento será na Facultade de Filoloxía. Foto: Santi Alvite
O evento será na Facultade de Filoloxía. Foto: Santi Alvite

Do 9 ao 11 de xuño vai ter lugar na Facultade de Filoloxía da USC o V Congreso Toponomasticon Hispaniae. O camiño hispánico do étimo aos topónimos, organizado polo Instituto da Lingua Galega. Trátase do último congreso da primeira fase do proxecto Toponomasticon Hispaniae, despois de desenvolver o primeiro en Lleida (2022), logo en Madrid (2023), València (2024) e Uviéu (2024).

Durante estes catro anos de traballo, o proxecto expuxo nunha aplicación a metodoloxía do traballo toponímico, co deseño dunha ficha que abrangue moitas das posibles perspectivas do estudo dos nomes de lugar, non soamente a etimolóxica. Así, tense en conta a motivación, as imprescindibles atestacións escritas ao longo do tempo, a localización xeográfica, os apelidos, nomes persoais e xentilicios orixinados, as vicisitudes históricas, as etimoloxías populares, reflectidas moitas veces polos emblemas e canta información sexa relevante para a intelección do topónimo.

Todo este intenso labor represéntase de maneira precisa no número de formas tratadas: máis de 9.000 a día de hoxe, das cales foron publicadas 930 fichas etimolóxicas e 1.200 toponímicas. Un dos puntos fortes do proxecto é a posta en común de investigadores de tódolos puntos peninsulares, o que implica a colaboración e as achegas que iluminan os distintos resultados. Neste sentido, no encontro de xuño exporanse étimos que exemplifican distintos ámbitos semánticos e que serán arrequecidos coas contribucións dos demais territorios.

A cita de Santiago de Compostela reunirá os membros dos distintos equipos de toda a península, un total de seis subproxectos radicados en diferentes universidades españolas con máis de 60 integrantes, para tratar de proxectar nun volume algúns dos étimos traballados coa súa respectiva descendencia para mostrar á comunidade científica os resultados obtidos.

Este encontro científico inaugurarase o luns 9 ás 9.30 horas no salón de graos do centro nun acto no que participarán o decano da Facultade de Filoloxía, Elias J. Torres Feijó; a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei; e a directora do congreso e coordinadora do proxecto Toponomasticon Hispaniae, Ana Boullón.

Toponomasticon Hispaniae
O proxecto Toponomasticon Hispaniae ten como obxectivo o estudo e divulgación dun corpus seleccionado de nomes de lugar de todo o territorio español e portugués así como o establecemento de bases metodolóxicas para o estudo da toponimia.

Dos seis suproxectos, un refírese á toponimia de Galicia e Portugal. Coa profesora Ana Boullón como investigadora principal, nesta primeira fase estaba previsto o estudo de 444 topónimos galegos e 100 portugueses, unha desproporción que responde á enorme densidade toponímica de Galicia (cun 6% do territorio español, contén case o 35% das entidades de poboación do nomenclátor oficial).

The contents of this page were updated on 05.21.2025.