Skip to main content

Miguel Ángel Vázquez Taín, novo presidente do Consello Xeral de Economistas de España

O profesor Miguel Vázquez Taín
O profesor Miguel Vázquez Taín
O profesor titular de Economía Pública e Sistemas Fiscais da USC formúlase como reto consolidar a entidade como referente dos profesionais da economía e da empresa
Santiago de Compostela

O profesor titular de Economía Pública e Sistemas Fiscais da USC acaba de ser elixido presidente do Consello Xeral de Economistas de España, entidade que coordina e representa os 40 Colexios de Economistas e de Titulados e Tituladas Mercantís que aglutinan actualmente 55.000 persoas colexiadas.

Vázquez Taín, que xa presidía o Colexio de Economistas de A Coruña e o Consello Galego de Economistas, integrou no seu equipo a outra candidatura que estaba encabezada polo decano do Colexio de Economistas de Valladolid, Palencia e Zamora, Juan Carlos De Margarida.

O novo presidente formúlase como principal obxectivo para os vindeiros catro anos do seu mandato “traballar por unha organización ao servizo das persoas colexiadas e dos colexios, que se consolide como referente dos profesionais da economía e da empresa, poñendo en valor e prestixiando a profesión de economista”.

Na súa toma de posesión transmitiu o seu desexo de contar “co compromiso e a implicación de todos e todas, para impulsar a marca Economista, incentivando a colexiación e a integración no colectivo, coa finalidade de consolidar unha organización con capacidade para xerar valor”. “A nova etapa que se abre debe afrontar os retos derivados da transformación do exercicio profesional, adaptando a súa acción ás novas necesidades da profesión”, manifestou Taín, que anunciou que contará coa experiencia e coñecementos de Juan Carlos De Margarida.

Quixo tamén nese acto loar o traballo realizado polo seu predecesor, Valentín Pich, de quen, entre outros fitos, destacou a súa contribución á unificación dos colectivos de economistas e de titulares mercantís, o cambio de sede e a creación dun “potente” servizo de estudos.

Miguel Ángel Vázquez Taín é doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciado en Dereito pola UNED. Consultor de Administracións públicas e empresas, foi vicerreitor de Economía e Financiamento da USC (2002-2010) e pertenceu ademáis ao Consello Económico e Social de Galicia (2003-2010).
 

The contents of this page were updated on 06.04.2025.