Skip to main content

O Arquivo Histórico da USC abre os seus espazos ocultos en dúas visitas guiadas privilexiadas

Imaxe dunha sala do Arquivo Histórico da USC. Foto: Santi Alvite
Imaxe dunha sala do Arquivo Histórico da USC. Foto: Santi Alvite
Con esta experiencia, da que poderán gozar as 16 persoas máis rápidas en inscribirse, conmemora a Semana Internacional dos Arquivos

Un ano máis, o Arquivo Histórico da USC (AHUS) súmase aos actos da Semana Internacional dos Arquivos que, baixo o lema (#IAW2025)! #Arquivos Accesibles – Arquivos para tod@s, se desenvolve entre o 9 e o 13 de xuño. Preténdese así destacar a necesidade de superar barreiras sociais, técnicas, físicas, lingüísticas ou culturais para favorecer a súa accesibilidade, de aproveitar as oportunidades que ofrece a tecnoloxía para mellorar o acceso á información e de recoñecer os arquivos como axentes clave na configuración da identidade cultural, da memoria da sociedade, así como da gobernanza e a rendición de contas.

O Arquivo da USC súmase así a esta iniciativa global coa proposta #AHUS_VIP, para favorecer o acceso ás súas instalacións e coñecer, mediante unha experiencia personalizada, todo o traballo que está a realizar para a preservación do patrimonio documental.

Para iso, o propio Día Internacional dos Arquivos, o luns 9 de xuño, de 12.00 a 13.15 h, as primeiras 8 persoas que formalicen a súa inscrición na visita guiada poderán percorrer o edificio, visitar depósitos de acceso vedado ao público e asistir a unha demostración do traballo que realiza a restauradora Cristina Doral Brun no taller de restauración, un dos poucos existentes en Galicia especializados na conservación de documentos en papel e pergameo.

Esta experiencia, para que poida chegar ao maior número de persoas interesadas, repetirase o xoves 12 de xuño no mesmo horario, de 12.00 a 13.15 h. para outras 8 persoas.
 

Cartel da actividade
Cartel da actividade
Sede do Arquivo Histórico da USC, nas Casas Reais
Sede do Arquivo Histórico da USC, nas Casas Reais
The contents of this page were updated on 06.05.2025.