Skip to main content

Premios á mellor dirección e iluminación para a compañía USC-Lugo no II Festival Nacional de Teatro Universitario de Toledo

Escena de 'El Público'
Escena de 'El Público'

A compañía de teatro USC-Lugo cerrou a súa participación no II Festival Nacional de Teatro Universitario de Toledo, un certame promovido polo Concello de Toledo a Universidade de Castilla La Mancha, cun balance de éxito, tal e como o proban os galardóns recibidos á mellor dirección e tamén o premio técnico á mellor iluminación das obras presentadas.

A compañía de teatro USC-Lugo que dirixe Paloma Lugilde acudía por vez primeira vez ao Festival Nacional de Teatro Universitario toledano, onde presentou o a peza ‘El Público’, unha das obras irrepresentables de Federico García Lorca. Nesta produción, financiada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, interveñen un total de dez actores, ademais dos dous técnicos que colaboran na súa posta en escena.

A participación da compañía de teatro USC-Lugo no II Festival Nacional de Teatro Universitario de Toledo foi máis alá da representación da obra ‘El Público’, xa que a directora da compañía luguesa, Paloma Lugilde, tamén impartiu un seminario sobre danza e teatro, ao tempo que tomou parte nunha mesa redonda sobre o cometido da muller na escena contemporánea. Neste foro tamén interviñeron como relatoras Margarita Borja, Yolanda Dorado, Marta Poveda, Yolanda García Serrano e Vicenta Rodríguez.

Actores da compañía de teatro USC-Lugo e Paloma Lugilde cos organizadores do Festival Nacional de Teatro Universitario de Toledo

The contents of this page were updated on 05.02.2017.