Skip to main content

IV Ciclo

Clausura do programa ‘Democratización do Coñecemento’

06.20.2025 | 17.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

A clausura será en Dereito. Foto: Santi Alvite
A clausura será en Dereito. Foto: Santi Alvite

O programa Democratización do Coñecemento que se desenvolveu no marco do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo da USC clausúrase o venres 20 de xuño ás 17.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Dereito co acto de entrega de diplomas.

Será o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, quen presida este acto, no que ademais intervirán a alumna do Concello de Outes en representación do alumnado do ano 2025 Pilar Burke Torreira; a directora do IV  Ciclo, Esther Olveira Olveira, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo Prado.

No presente curso académico 2024-2025 participaron preto de 700 estudantes maiores de 50 anos das catro provincias galegas. En concreto, ao acto deste venres asisten as alumnas e alumnos que acudiron ás sesións desenvolvidas nos concellos de Arzúa, Muros, Noia, Ordes, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Teo e Vedra, na provincia da Coruña; e de A Estrada, na provincia de Pontevedra. O programa desenvolveuse ademais en Cambados, Vilagarcía de Arousa e outros concellos das provincias de Lugo e Ourense, que ou ben desenvolveron xa a súa clausura ou o farán proximamente.

Ao remate do acto, no que estarán acompañados de representantes de cada un dos concellos, as persoas participantes asistirán no mesmo lugar á actividade cultural ‘Música explicada’, protagonizada polo Coro Universitario da USC e nesta ocasión polo director convidado José Luís Vázquez.

O Programa 
Democratización do Coñecemento é un programa presencial de dinamización e de envellecemento activo que se desenvolvemento nos municipios con menores posibilidades de acceso aos campus universitarios. Trátase dun programa interdisciplinar onde están presentes as tres grandes áreas do coñecemento: humanística, científica e artística pondo en valor o patrimonio material e inmaterial de cada localidade.

A situación da poboación galega no rural tanto pola súa dispersión como pola dificultade de acceso aos campus universitarios vese aliviada con esta iniciativa no contexto rural e semiurbano galego. Deste xeito, o programa busca favorecer a democratización do coñecemento a través dunha metodoloxía de corte participativo e aberta, onde docentes da USC desenvolven dúas sesións de docencia, unha teórica na que se pretende favorecer o diálogo e participación das persoas asistentes e unha práctica cunha actividade de visita guiada ou obradoiro.
 

The contents of this page were updated on 06.19.2025.