O Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores amplía o prazo ata o 9 de xuño

Viabilidade, grao de innovación, volume de emprego proxectado, multidisciplinariedade do equipo promotor, fomento da igualdade ou relación coa lingua galega son os aspectos que o xurado do XVI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores ponderará na súa valoración. O certame acaba de ampliar o prazo de presentación de candidaturas ata o 9 de xuño.
A través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) e en colaboración coa incubadora Uninova, a USC busca así impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por universitarios/as, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego.
Poderán presentarse propostas impulsadas por estudantes de grao ou máster así como egresados/as nos últimos tres cursos en calquera área de coñecemento e que, individual ou en equipos, teñan un proxecto empresarial con potencialidade para converterse en empresa. Tamén poderán optar doutores/as, doutorando/as, persoal investigador e alumnado de terceiro ciclo que desenvolvan actividades de investigación na USC; Persoal de Administración e Servizos ou empresas constituídas en 2015, 2016 ou 2017.
Premios
A convocatoria contempla 11.000 euros en metálico, a repartir en varias categorías. Así, os premios de Empresa de Base Tecnolóxica e de Start-up recibirán 2.000 euros cada un; o mellor Proxecto Empresarial EBT e o mellor proxecto Start-up recibirán igualmente outros 2.000 e as súas respectivas bolsas BoosterWE; o premio Muller Emprendedora, 2.000; e o de Promoción da lingua galega 1.000 euros.
Á dotación en metálico hai que sumar o acceso gratuíto á incubadora do edificio Emprendia durante 6 meses, para todos os proxectos gañadores. Ademais, a AVTE facilitará, tanto a proxectos como empresas gañadoras que os soliciten, reunións de contacto coas entidades inversoras que colaboran con este concurso, Unirisco e Xesgalicia. Igualmente, e en particular as empresas gañadoras, poderán participar nos foros de inversión organizados por Igape e Xesgalicia.
Ademais, tanto finalistas como gañadores/as poderán presentarse coa súa proposta ao programa Erasmus for Young Entrepreneurs da Comisión Europea, e do que Uninova é organismo intermedio. Este é un programa que financia estadías formativas en pequenas e medianas empresas en diferentes países da Unión Europea para novos emprendedores ou emprendedoras.
Documentación
Ademais do currículo das persoas que promoven as propostas, será preciso presentar unha memoria do proxecto que incluirá o título e unha descrición, sector ao que se dirixe (características e tendencias), produtos ou servizos a ofertar, análise da competencia, plan comercial e de mercadotecnia, recursos humanos, plan de investimentos e financiamento e conta de resultados, todo contemplado nun horizonte temporal de tres anos. O persoal técnico da AVTE e Uninova estará a disposición das persoas interesadas para axudalas na elaboración dos proxectos, que deberán presentarse ante un xurado.