Skip to main content

A International Society of Automation recoñece co seu premio de excelencia as estudantes da ETSE Julia Feijoo Cacabelos e Lucía Freire Moure

De dereita a esquerda, Julia Feijoo Cacabelos e Lucía Freire Moure
De dereita a esquerda, Julia Feijoo Cacabelos e Lucía Freire Moure
Polo seu voluntariado en actividade de asociacionismo e proxectos formativos extracurriculares vinculados á tecnoloxía desenvolvidos na Escola

As estudantes do grao de Enxeñaría Química da ETSE Julia Feijoo Cacabelos e Lucía Freire Moure acaban de ser galardoadas co Premio de Excelencia Internacional da International Society of Automation (ISA) polo seu voluntariado en actividade de asociacionismo e proxectos formativos extracurriculares  vinculados á tecnoloxía desenvolvidos na ETSE no período 2022-2025, uns traballos que foron titorizados pola profesora Isabel Vidal Tato. 

Nos quince anos de vida do capítulo de estudantes USC na ISA, nas súas actividades de formación participaron máis de 1.500 estudantes. A asociación contou coa colaboración de empresas como as galegas ATI Sistemas, Genesal Energy, Xeal, AtlantHy, Foresa, Reganosa e Norvento Enerxía e multinacionais como EMERSON, DEKRA, KAIZEN e SIEMENS. No ámbito académico colaboraron co Capítulo de estudantes investigadores do University College of London e a Danmarks Techniske Universitet, ademais da Universidade de Vigo coas súas xornadas de Automatización Industrial.

Nestes anos destaca o traballo na última etapa das estudantes premiadas Julia Feijoo Cacabelos e Lucía Freire Moure, presidenta e vicepresidenta da asociación respectivamente, que organizaron actividades e estratexias para atraer aos seus compañeiros e compañeiras cara ao asociacionismo estudantil. Participaron tamén activamente nas actividades da asociación profesional española e a nivel internacional, ofrecendo a mellor imaxe das futuras enxeñeiras formadas na USC.

Neste momento, a punto de finalizar o seu grao cun Traballo Fin de Grado sobre a produción sostible de combustible para aviación (SAF), xa están incorporadas ao mundo profesional: Julia na consultora estratéxica KAIZEN, orientada á excelencia operacional e equipos de alto rendemento, e Lucía en AtlantHy, empresa emprendedora galega no campo dos vectores enerxéticos da cadea de valor do hidróxeno verde.
 

The contents of this page were updated on 06.20.2025.