A Área de Infraestruturas de Investigación colabora nos traballos de caracterización e conservación dos miliarios de pedra na Vía Nova romana

Persoal experto da Área de Infraestruturas de Investigación da USC, do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España e do Instituto de Ciencias Sociais da Universidade do Minho está a traballar conxuntamente na caracterización e conservación dos fitos quilométricos de pedra que se conservan no trazado da antiga Via Nova romana.
O equipo de investigación está levando a cabo un estudo sobre os miliarios romanos situados no Itinerario Antonino A-18 ou Vía Nova, unha calzada romana que aparece co número XVIII no Itinerario de Antonino que unía as antigas cidades de Bracara Augusta (actual Braga) con Asturica Augusta (Astorga) ao longo de aproximadamente unhas 210 millas romanas (uns 330 quilómetros).
Esta calzada foi construída con propósitos comerciais polo legado C. Calpetanus Rantius Quirinalis Velerius Festus entre os anos 79 e 80 d.C, durante o imperio de Vespasiano e o seu fillo Tito, e posteriormente restaurada en tempos de Maximino o Tracio e o seu fillo Máximo (anos 235 e 238). Ao longo do seu trazado, as millas romanas estaban sinalizadas mediante miliarios (ou pedras miliares) existindo tamén daquela entre Bracara Augusta e Asturica Augusta once mansións (mansio) ou paradas de postas e hospedaxe. Esta calzada é unha das que conserva na actualidade o maior número de miliarios de toda Europa.
Grazas ao programa IACOBUS, e enmarcada no proxecto de investigación ‘Heritage Stones. Caracterización e posta en valor do patrimonio construído’, o responsable da Unidade IR-Raman da Universidade de Santiago de Compostela, Ezequiel Vázquez Fernández, realizou unha estadía en Portugal, concretamente no Museo da Geira, en Terras de Bouro (Portugal), onde se conserva un trazado duns 30 quilómetros da antiga Via Nova romana e onde se manteñen varios destes postes miliarios.
Nesas xornadas, o técnico da USC impartiu un curso sobre as aplicacións da Espectroscopía Raman no Patrimonio Cultural e o uso in situ de equipos portátiles i-Raman EX 1064nm, un microscopio Raman portátil que na USC foi adquirido en 2022 con fondos obtidos a través dun convenio de colaboración asinado coa Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o Desenvolvemento de Accións Estratéxicas de I+D+i. Este equipamento científico singular está a disposición da comunidade científica xeral para a realización de estudos arqueolóxicos, caracterización de mostras (minerais, pigmentos e outros materiais artísticos) e fósiles, análise de contaminantes en patrimonio cultural e calquera outro tipo de traballo de investigación relacionado.
As técnicas analíticas que se describiron nestas xornadas que están a empregar para a caracterización do granito co que se construíron estes miliarios romanos e para a datación da súa durabilidade son a microscopía petrográfica, a espectroscopía Raman, o cálculo da velocidade de propagación de ultrasons e ensaios hídricos para a determinación da densidade e porosidade do material así como a exposición do material a procedementos de envellecemento artificial acelerado nos laboratorios do IGME en Madrid.