Skip to main content

A Facultade de Humanidades fai un chamamento a participar no I Congreso de Novas Investigacións nese ámbito

As propostas deben achegarse antes do 15 de setembro
As propostas deben achegarse antes do 15 de setembro
O congreso desenvolverase en Humanidades do Campus de Lugo o 17 de outubro, pero as propostas deben achegarse antes do 15 de setembro
Lugo

Co gallo de ofrecer ao estudantado pre e postdoutoral unha visión ampla e crítica da carreira investigadora nas disciplinas do contexto das Humanidades e os posibles campos de acción profesional vencellados á investigación, os profesores da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo Patricia Cupeiro López e Rubén Castro Redondo coordinan o I Congreso de Novas Investigacións en Humanidades: Historia, Arte, Patrimonio e Cultura, que se celebrará o 17 de outubro e para o que xa está aberto o prazo de presentación de comunicacións, que pechará o 15 de setembro.

As Humanidades e os estudos culturais están a redefinir os seus enfoques e metodoloxías nos últimos tempos para responder aos desafíos contemporáneos no ámbito da investigación. Así, a colaboración con outras áreas de coñecemento xera novos espazos de diálogo arredor da incorporación dos avances tecnolóxicos e a ética profesional, a perspectiva de xénero, os enfoques interseccionais e decoloniais ou a preocupación polo cambio climático, entre outros.

Este congreso pretende abordar a convivencia entre saberes nas investigacións máis recentes, en relación con ámbitos como as Humanidades Dixitais, a Historia, a Arqueoloxía, a Paisaxe, a interpretación do Patrimonio, a Intelixencia Artificial, a Xestión Cultural, o Turismo ou as Industrias Creativas. A intención é poñer o foco nos proxectos de investigación do estudantado, con especial atención aos enfoques emerxentes, transdisciplinares e innovadores e por iso a organización convida o estudantado en formación a enviar as súas propostas relacionadas con proxectos de tese doutoral, traballos de fin de mestrado ou calquera outro tipo de proxecto de investigación que estea en curso.

A inscrición é de balde e os resumos das propostas debe ter unha extensión máxima de 400 palabras.
 

The contents of this page were updated on 07.10.2025.