Unha gaiola na valgada do Campus de Lugo garantirá a seguridade das prácticas con drons

Realizar prácticas de voo nunha contorna controlada e completamente segura é a principal motivación da gaiola de drons que este xoves inauguraron na valgada do Campus de Lugo o reitor Antonio López Díaz e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, entidade que colabora no financiamento da maior parte da instalación.
Ao acto asistiron ademais a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco J. Fraga López; a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Rosa Romero Franco; e o deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón.
Tal e como manifestou o reitor, esta nova instalación “cobre unha necesidade do campus que ten moito que ver coas recentes titulacións, garantindo a seguridade das persoas e do material e reforzando a nosa oferta formativa e investigadora”. Nese senso, o presidente da Deputación puxo de manifesto a “utilidade” da gaiola “non só para os diversos títulos formativos de Campus Terra senón, por extensión, para a mellora da nosa contorna e da sociedade”.
O novo espazo para a Escola Politécnica de Enxeñaría supón un avance clave para mellorar a calidade docente en titulacións como o Grao en Robótica ou o mestrado Universitario en Sistemas Aéreos Non Tripulados (drons). E de materializarse a creación dun mestrado en vehículos autónomos na Escola Politécnica Superior (EPSE), tamén este título se vería beneficiado pola existencia desta infraestrutura.
O principal obxectivo é garantir que durante os voos só os drons se atopen no seu interior, o que elimina calquera risco para as persoas e protexe os equipos e materiais da contorna. O estudantado poderá así adquirir experiencia real en voo, configuración e control de drons sen comprometer a seguridade. Ademais, facilitará o desenvolvemento de traballos de fin de grao e fin de mestrado relacionados con tecnoloxías avanzadas de navegación aérea, visión por computador ou control autónomo así como a implementación de diferentes sensóricas para seguimento ambiental, consolidando unha contorna de aprendizaxe innovadora e aliñada coas demandas do sector tecnolóxico.
Pulo á investigación con drons no Campus
Ademais do seu valor docente, a gaiola de drons supón un impulso para a investigación que se está desenvolvendo na EPSE no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados. Actualmente, varios grupos traballan en liñas como o control autónomo en contornas complexas para a inspección de infraestruturas ou na análise automatizada de imaxes captadas por drons en zonas costeiras de difícil acceso co obxectivo de detectar e clasificar estruturas de formigón afectadas pola erosión.
Neste contexto, profesorado e persoal investigador da Escola participan activamente no proxecto internacional INTERREG AEROGANP (Desenvolvemento dun Eixo Transfronteirizo de investigación e transferencia de coñecemento no sector aeronáutico e espacial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal), co financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg VIN España-Portugal (POCTEP) 2021–2027.
Outras liñas de investigación desenvolvidas abordan a caracterización e seguimento da estrutura e función da cobertura vexetal en ámbitos como a agricultura de precisión, xestión da biodiversidade, planificación forestal e prevención de incendios, integrando o emprego de drons en proxectos como RURALTXA (Fundación Biodiversidad, 2022-2025); TERMOXYLO (AEI – Axencia Española de Investigación 2020-2024); Xestión Forestal, TIERRA-4 (Civil UAV Initiative 2019-2020; 2022-2023); LIFE in Common Land (LIFE, 2017-2022) ou VIS4FIRE (Retos INIA, 2018-2021), entre outros.
A gaiola facilitará de forma significativa a realización de ensaios experimentais no marco destes proxectos, xa que permite validar montaxes con drons e repetir probas en condicións controladas e reproducibles. Esta infraestrutura non só mellora as súas capacidades experimentais, senón que contribúe directamente á calidade docente, ao permitir que o profesorado se manteña conectado cos últimos avances tecnolóxicos.
