Skip to main content

Seminario ‘Onde a selva resiste: Aprendizaxes transformadores desde o corazón verde de México. Os Tuxtlas como laboratorio de cambio con impacto global’

Por Rafael Calderón Contreras, investigador da Universidade Autónoma Metropolitana

Rafael Calderón Contreras, investigador da Universidade Autónoma Metropolitana
Rafael Calderón Contreras, investigador da Universidade Autónoma Metropolitana

EqualSea Lab organiza este xoves 24 un novo seminario no Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Nesta ocasión, será o profesor investigador da Universidade Autónoma Metropolitana (México) Rafael Calderón Contreras quen interveña, ás 10.30 horas, co relatorio ‘Onde a selva resiste: Aprendizaxes transformadores desde o corazón verde de México. Os Tuxtlas como laboratorio de cambio con impacto global’. A intervención poderá seguirse de maneira virtual.

Na charla, o profesor convidado compartirá unha mirada transformadora sobre o vínculo entre comunidades e natureza a partir do caso dos Tuxtlas, unha das últimas selvas tropicais de México e reserva da biosfera de valor mundial. Deste xeito, explicará como un territorio biodiverso, atravesado por tensións globais como o cambio climático e a pobreza, pode ofrecer claves para imaxinar futuros máis sostibles e xustos.

Xeógrafo de formación, Rafael Calderón conta con estudos de mestría en Ciencias Ambientais e doutoramento en Desenvolvemento Internacional pola Universidade de East Anglia, Inglaterra. As súas principais liñas de investigación céntranse nos estudos de resiliencia socio-ecolóxica, os efectos locais da transgresión dos límites planetarios, as contribucións da natureza ás persoas, e o cambio transformativo desde unha perspectiva de sistemas complexos.

Actualmente coordina o Nodo Rexional de Latinoamérica da Sociedade de Sistemas Socioecolóxicos (SocSES) e o Nodo Latinoamericano do Programa de Cambio Ecosistémico e a Sociedade (LAPECS). Participou como autor coordinador líder da Avaliación de Cambio Transformativo do IPBES, onde reconectar as persoas coa natureza se converteu no núcleo do seu labor investigador.

Traballou con comunidades indíxenas, rurais e urbanas, e impulsou proxectos transdisciplinarios que integran as ciencias sociais, naturais, a arte e as humanidades para afrontar os retos do Antropoceno. O seu enfoque combina límites biofísicos con xustiza social e gobernanza participativa, sempre cunha mirada crítica e esperanzadora na capacidade colectiva de xerar un futuro máis xusto, seguro e sostible.
 

The contents of this page were updated on 07.23.2025.