Skip to main content

O Grao en Filosofía esgota as prazas dispoñibles no primeiro chamamento de xuño

A Facultade de Filosofía da USC, cunha longa tradición e un compromiso claro coa renovación curricular, ofrece un plan de estudos que xa inclúe contidos vinculados cos desafíos do presente

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) cubriu as 65 prazas ofertadas no primeiro chamamento de xuño, quedando 22 solicitantes fóra por falta de vacantes.

Estes datos reflicten un crecemento sostido no interese polos estudos filosóficos, en liña coa tendencia observada noutras universidades do país, e que podería apuntar cara a un cambio de sensibilidade social entre a xente máis nova. Este incremento non só se percibe nas cifras oficiais, senón tamén no ambiente cotián do centro: aulas máis cheas, maior diversidade de perfís e un diálogo académico cada vez máis centrado nos retos contemporáneos.

Para o decano da facultade, Xavier de Donato, este fenómeno responde a unha maior conciencia política, ética e social entre a mocidade. A esta reflexión súmanse factores como a pandemia da Covid-19, que brindou tempo para pensar e reordenar prioridades.
 

Retos éticos da IA

Aínda que é cedo para medir con precisión o alcance desta relación, moitos estudantes e docentes coinciden en que os desafíos éticos e sociais que implica a intelixencia artificial, o auxe dos extremismos e o incremento da desinformación están a espertar un renovado interese polo pensamento crítico, a análise argumentativa e a reflexión moral: tres piares da formación filosófica.


O papel do filósofo nun mundo laboral cada vez máis automatizado

Neste contexto, visibilízase con máis forza o papel que pode desempeñar unha persoa titulada en Filosofía máis alá do ensino. No ámbito empresarial, por exemplo, a súa capacidade para analizar con rigor, razoar a longo prazo e detectar contradicións permite achegar valor en áreas tan diversas como o desenvolvemento tecnolóxico, a estratexia, a comunicación ou a ética corporativa.

Concretamente, un filósofo pode auditar algoritmos e detectar sesgos, guiar decisións sobre privacidade, acompañar procesos de transformación laboral, deseñar culturas organizativas máis humanas, elaborar relatos corporativos coherentes e combater a desinformación e os discursos enganosos, entre outras funcións.

Xavier de Donato lembra que “nun mundo onde conceptos como talento, propósito, innovación ou sostibilidade ocupan o discurso empresarial, é esencial que eses relatos respondan á verdade e non se convertan en mensaxes baleiros. Por iso, incorporar profesionais do pensamento crítico, como os filósofos, pode ser clave para aliñar valores e acción”.
Encaixe en múltiples sectores

Unha persoa graduada en Filosofía pode desempeñar funcións relevantes en sectores como os medios de comunicación, a sanidade, a bioética, as políticas públicas, a consultoría, o medioambiente, o sistema financeiro, o comercio electrónico, a IA ou a sostibilidade. Dentro das organizacións, a súa presenza é especialmente valiosa en departamentos de innovación, comunicación, RSC, desenvolvemento de IA, xestión do talento ou análise estratéxica.


Contidos orientados aos retos actuais

A Facultade de Filosofía da USC, cunha longa tradición e un compromiso claro coa renovación curricular, ofrece un plan de estudos que xa inclúe contidos vinculados cos desafíos do presente.

Ao longo dos catro cursos do Grao, o alumnado fórmase en materias como ética, lóxica, estética, filosofía da linguaxe, filosofía política, teoría do coñecemento ou antropoloxía. Ademais, o plan contempla optativas como Filosofía e Intelixencia Artificial, Bioética, Filosofía e Ecoloxía ou Filosofía da mente, reflexo do compromiso por conectar o pensamento co presente.

En primeiro curso inclúense materias como Argumentación e retórica, Antropoloxía filosófica, Hermenéutica, Estética, Semiótica ou Introdución á filosofía política. En segundo, profundízase en Filosofía antiga e medieval, Ética I, Metafísica, Antropoloxía simbólica ou Filosofía da linguaxe. O terceiro curso aborda Filosofía moderna, Filosofía da ciencia, Historia da filosofía contemporánea, Filosofías orientais, Bioética ou Filosofía e IA. O cuarto orienta cara á integración e aplicación do coñecemento, con materias como Filosofía da lóxica, Filosofía política II, Correntes actuais, Filosofía moral e política contemporánea, Filosofía da mente, Fenomenoloxía, prácticas externas e o Traballo de Fin de Grao.

Con unha formación sólida, transversal e cada vez máis conectada cos grandes retos sociais, o Grao en Filosofía da USC consolídase como unha opción formativa de gran valor para o presente e o futuro.

The contents of this page were updated on 07.28.2025.